O centro educativo é o escenario idóneo para a formación do profesorado, xa que posibilita que se adapte ás necesidades do centro. O PFPP ten como finalidade a actualización e o perfeccionamento das competencias profesionais docentes definidas no novo modelo de competencias, para a mellora da calidade da educación e dos resultados escolares do alumnado, en consonancia coas iniciativas impulsadas en relación co sistema educativo de Galicia. 

A formación debe ter unha repercusión directa na aula ou no centro. A formación en centros baséase no traballo colaborativo entre iguais a partir da reflexión conxunta, o debate interno, o intercambio de experiencias e supón o recoñecemento da experiencia docente como un valor fundamental nos procesos de formación e mellora. Pode contar con algunha colaboración externa pero o núcleo ten que ser a formación entre iguais.