Foro de novas

Presentación do curso e primeira tarefa

Presentación do curso e primeira tarefa

por Manuel Abelleira Barros -
Número de respostas: 0
Bo día, benvidos ao curso P2002192 Ferramentas para a colaboración e interacción na aula virtual. Antes de nada, quero darvos os parabéns por tervos autorexistrado e automatriculado nesta aula virtual e no curso, xa que esta tarefa previa é case unha proba na que tratamos de mostrar como se pode facer a xestión das aulas dos vosos centros sen que teñamos que inverter moito tempo e esforzos na autoxestión da aula.

Quero tamén explicarvos a razón de que teñamos o tempo tan pautado e fósemos tan “apremiantes cos correos anteriores para que hoxe estivésedes inscritos”. No CFR de Pontevedra, ao igual que nos outros CFR, estamos a ofertar formación sobre os recursos corporativos da Consellería. Un dos recursos máis importantes para a docencia semipresencial son as aulas virtuais que todos os centros teñen a súa disposición.
No primeiro trimestre iniciamos a formación coa oferta de dous cursos básicos para introducir e avanzar no uso das ferramentas corporativas. Estes cursos forón:
• Actualización de ferramentas tecnolóxicas para docentes
• Aproveitamento didáctico de ferramentas institucionais para o ensino mixto

Neste segundo trimestre poñemos en marcha a oferta de catro cursos máis avanzados que afondan máis nos usos específicos dos recursos TIC para os distintos aspectos da docencia semipresencial. Estes cursos son:

• Ferramentas para a colaboración e interacción na aula virtual
• Enriquecemento Audiovisual para a aula virtual
• Ferramentas de avaliación na aula virtual
• Creación de contidos dixitais para a aula virtua
 
Para poder organizar esta formación, recollemos un total de 1042 solicitudes de formación feitas por uns 574 profesores e profesoras a través das direccións dos centros educativos.

Hai persoas que so solicitaron un curso, outras dous cursos, algunhas tres cursos, e outras que solicitaron os catro cursos. Dende principios do mes de febreiro puxemos a traballar aos relatores na elaboración dos materiais e dos cursos e ao mesmo tempo traballamos na organización dos cursos cumprindo tres condicións:
1. Ningún participante pode estar participando en dous cursos á vez.
2. A formación ten que facerse durante este curso académico e por tanto rematar o antes posible.
3. Temos que facer unha oferta de curso de calidade e por tanto debemos respectar a carga de traballo das relatoras e relatores que levan traballando duramente dende febreiro.

Esta explicación é moi longa, pero quería explicar ben, esta situación para que se entenda que hoxe luns 1 de marzo teñen que comezar estes cursos para que se poida cumprir o cronograma de formación planificado.
Estades nesta actividade aqueles que solicitastes 3 ou 4 dos cursos. Comezando hoxe, teredes todas as semanas dende agora ata mediados de xuño ocupadas con cursos.
Os cursos de 15 horas teñen 3 semanas de duración e os de 20 horas terán 5, cumprindo así o estándar de 5 horas de formación a distancia máximas por semana.

Pois feitas estas explicacións que penso que son importantes para vos, imos a comezar. A primeira tarefa do curso consiste en que leades a Guía do curso e despois vos presentedes no Foro de presentación dos participantes. Tamén é recomendable que cumprimentedes ben o voso perfil, e animámosvos a que tamén vos poñades cara (cunha foto), xa que is o facilita a comunicación e imos pasar varias semanas xuntos.

Ánimos e vamos aló!