Section outline
1. Dereito de cita
Lei 21/2014, do 4 de novembro, pola que se modifica o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, e a Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil.
(...)
3. O profesorado da educación regrada impartida en centros integrados no sistema educativo español e o persoal de universidades e organismos públicos de investigación nas súas funcións de investigación científica non necesitarán autorización do autor ou editor para realizar actos de reprodución, distribución e comunicación pública de pequenos fragmentos de obras e de obras illadas de carácter plástico ou fotográfico figurativo cando, non concorrendo unha finalidade comercial, se cumpran asemade as seguintes condicións:
a) Que tales actos se fagan unicamente para a ilustración das súas actividades educativas, tanto no ensino presencial coma no ensino a distancia, ou con fins de investigación científica, e na medida xustificada pola finalidade non comercial perseguida.
b) Que se trate de obras xa divulgadas.
c) Que as obras non teñan a condición de libro de texto, manual universitario ou publicación asimilada, salvo que se trate de:
1.º Actos de reprodución para a comunicación pública, incluíndo o propio acto de comunicación pública, que non supoñan a posta á disposición nin permitan o acceso dos destinatarios á obra ou fragmento. Nestes casos deberase incluír expresamente unha localización desde a cal os alumnos poidan acceder legalmente á obra protexida.
2.º Actos de distribución de copias exclusivamente entre o persoal investigador colaborador de cada proxecto específico de investigación e na medida necesaria para este proxecto.
Para estes efectos, entenderase por libro de texto, manual universitario ou publicación asimilada calquera publicación, impresa ou susceptible de selo, editada co fin de ser empregada como recurso ou material do profesorado ou do alumnado da educación regrada para facilitar o proceso do ensino ou aprendizaxe.
d) Que se inclúan o nome do autor e a fonte, salvo nos casos en que resulte imposible.
Para estes efectos, entenderase por pequeno fragmento dunha obra un extracto ou porción cuantitativamente pouco relevante sobre o conxunto dela.
Os autores e editores non terán dereito a ningunha remuneración pola realización destes actos.
4. Tampouco necesitarán a autorización do autor ou editor os actos de reprodución parcial, de distribución e de comunicación pública de obras ou publicacións, impresas ou susceptibles de selo, cando concorran asemade as seguintes condicións:
a) Que tales actos se leven a cabo unicamente para a ilustración con fins educativos e de investigación científica.
b) Que os actos se limiten a un capítulo dun libro, artigo dunha revista ou extensión equivalente respecto dunha publicación asimilada, ou extensión asimilable ao 10 por cento do total da obra. Para estes efectos, resulta indiferente que a copia se leve a cabo a través dun ou de varios actos de reprodución.