Tema 1
Castelao
Obra narrativa. Os dous de sempre
Os dous de sempre
Esta novela está centrada na vida de dous protagonistas desde a infancia á madurez, con dúas personalidades contrapostas:
- Pedriño, fillo máis vello dunha familia pobre, críase cunha tía que o mima e o protexe excesivamente. De natureza pusilánime, vago, inactivo, a súa única aspiración é comer moito traballando o menos posíbel. Tras unha serie continuada de fracasos (estudios, traballo, emigración na Pampa arxentina a onde marcha obrigado pola sogra), consegue, por intercesión da sogra ante o alcalde, un posto de traballo cómodo, onde “pasa unha vida folgada e feliz, porque xa vai sendo vello e o ventre pídelle menos comida”.
- Rañolas, eivado das pernas, está condicionado tamén pola súa orixe familiar: A súa nai “era ladra, borracha e candonga. O seu pai... nin a mesma nai podería decir quen fora”. Superando estes obstáculos, Rañolas móstrase como unha persoa aguda, activa, emprendedora, capaz de deixar atrás as maiores dificultades. A súa ilusión é ter unhas pernas coas que se erguer do chan (cousa que consegue cunhas pernas ortopédicas en París, onde ademais se fai reloxeiro). Cando Rañolas ve colmadas as súas aspiracións (as pernas e saber un oficio) regresa a Rianxo, mais comeza a se sentir infeliz e escravo do traballo, porque perdera a liberdade con que pasara a vida anterior. O sentimento de fracaso empúrrao ao suicidio.
De pouco lle podían valer as aparencias de home libre, cando de certo vivía en cadeas, a traballar engoumado. Desexos lle daban de saír outra volta a cabalo dun burro, a torrarse de sol polos camiños. Rañolas non quería ser un difunto co corazón andando, un reló máis da reloxería, unha máquina de corda para contar o tempo que pasa. Os relós serían felices; pero el era un home devecido de liberdade.
Os dous de sempre está estruturado en corenta e catro capítulos, protagonizados de forma alterna uns por Pedriño e outros por Rañolas, excepto uns cantos en que ambos se encontran en Rianxo. A técnica narrativa desta novela é semellante á de Cousas, xa que cada capítulo é como un relato breve con autonomía propia (véxase “Escolma”, texto 7).
Nesta novela están tamén presentes o realismo, humorismo e lirismo, xunto cunha clara intención de ser popular e unha grande proximidade entre o narrador e olector