Tema 1

Sitio: Aula virtual do Centro de Formación e Recursos de A Coruña
Curso: Internet como recurso na área de lingua galega
Libro: Tema 1
Imprimido por: Invitado
Día: viernes, 26 de diciembre de 2025, 02:31

Descripción

cc

Castelao

Afonso Daniel Rodríguez Castelao naceu en Rianxo no ano 1886 nunha familia de mariñeiros. Con nove anos marchou coa súa nai á Pampa arxentina, lugar a onde seu pai emigrara uns anos antes. A experiencia da emigración aparecerá en obras súas. No ano 1900 regresaron a Galicia e Castelao cursou o Bacharelato en Santiago, onde logo estudiou Medicina. Comezou nesta época a atinxir sona como caricaturista nos ambientes estudiantís.

 Instalado en Rianxo, comezou a publicar os seus primeiros textos en xornais locais e, tras unha breve etapa de exercicio da Medicina, abandonou esta profesión. Fíxenme médico por amor a meu pai, non exerzo por amor á humanidade”, diría Castelao nunha frase ben expresiva.

 Realizou oposicións ao corpo de funcionarios da Facenda Pública e a partir de 1916 instalouse en Pontevedra. Ingresou nas Irmandades da Fala. Se ben a partir deste momento o seu compromiso nacionalista foi permanente, non asumiu un papel relevante como dirixente do nacionalismo ata a década dos trinta. Tal vez Castelao, consciente do desprestixio popular de moitos políticos, quixese conseguir antes un prestixio como artista e escritor, porque nestes anos desenvolveu unha grande actividade literaria e artística.

 Rematada a ditadura de Primo de Rivera (1923-1929) e proclamada a República en 1931, presentouse ás eleccións saíndo deputado polo Partido Galeguista de Pontevedra. A partir deste momento, a súa loita por conseguir un Estatuto de Autonomía para Galicia sería constante. En 1936 obtivo novamente acta de deputado nas Cortes Republicanas. En xuño de 1936 o Estatuto de Autonomía de Galicia aprobouse en plebiscito. Cando Castelao estaba en Madrid para entregar o texto do Estatuto ao goberno, comezou a Guerra Civil e Castelao nunca máis puido volver a Galicia. Os horrores da guerra quedarían reflectidos en tres álbumes de debuxos. Marchou ao exilio e instalouse en Buenos Aires, onde continuou a súa actividade literaria e artística, así como o seu labor de defensa de Galicia e a súa denuncia da ditadura franquista.

 En Buenos Aires morreu no ano 1950. Na actualidade, o seu corpo descansa en Compostela, no Panteón de Galegos Ilustres.

Castelao, artista nacional e popular.


A arte para min non foi máis que un elemento, un recurso, un medio de expresión, e co lápiz ou a pluma só quixen ser un intérprete fiel do meu pobo, das súas dores e das súas esperanzas. Debuxei sempre en galego; escribín sempre en galego; e se sacades o que hai de galego e de humano na miña obra non quedaría nada dela.

Estas palabras de Castelao infórmannos de dúas características esenciais do seu labor artístico e literario: humanismo e galeguismo. O carácter humano da súa obra reflíctese sobre todo no amor polos personaxes, especialmente cando estes pertencen ás clases sociais populares. Castelao non idealiza os seus personaxes, fúndese con eles e ofrécenos unha visión da vida popular coas súas virtudes e cos seus defectos, mais estes non están vistos como algo individual e reprochábel, senón como algo motivado polo contexto.

Á parte da súa militancia política nacionalista, o galeguismo está patente no seu espírito de servicio e entrega ao país, no enfoque das súas obras e nas análises que realiza nos seus ensaios.

Pero ademais destas dúas características encontramos outras na obra do rianxeiro:

- Visión populista da arte e da literatura, distanciada do culturalismo aristocrático e elitista de Risco ou Pedrayo. Para Castelao a arte e a literatura dun país teñen que ter as súas raíces na cultura popular para, a partir dela, crear cousas novas.

- Crítica das inxustizas, denuncia da miseria en que se vían sumidos labregos e mariñeiros. Neste sentido resulta esclarecedora esta anécdota. A propósito do álbum Nós alguén preguntou a Castelao por qué, en vez de presentar o malo, o pobre e o misérrimo de Galicia, non facía debuxos do bonito, o rico e o pracenteiro. A resposta de Castelao foi: “Pois, porque non teño vocación de estupefaciente”

- Humorismo, reflectido de forma especial na caricatura. O humorismo para Castelao é unha forma de reflectir os desequilibrios, as incongruencias e as contradicións da vida.

- Lirismo, un sentimento de amor ou piedade, que provoca que o humor non sexa sarcástico e, como remate, fique patente a indulxencia cos defectos humanos.

Obras

NARRATIVA ENSAIO Un ollo de vidro1922As cruces de pedra na Bretaña1930Cousas1926Sempre en Galiza1944Retrincos1934As cruces de pedra na Galiza1950Os dous de sempre1934Diario, 1921 (partes del foran publicadas na revista Nós)

1977

TEATRO

Os vellos non deben de namorarse (estreada en Buenos Aires no 1940)

1953

OBRA GRÁFICA

Nós

1916

Galiza mártir

1938

Cincuenta homes por dez reás

1931

Atila en Galiza

1938

Milicianos

1938

Cousas da vida (seis volumes que recollen traballos publicados antes da Guerra Civil)

1961-71

 Nas obras de ensaio non se citan aquelas que, aínda sendo publicadas, foron concibidas como textos de conferencias. Na obra gráfica seleccionamos os álbumes máis significativos.

Obra narrativa. Un ollo de vidro.


Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete

Nesta primeira obra Castelao preséntanos as memorias escritas por un esquelete nun cemiterio de cidade e que o enterrador lle entrega a el. Desde o propio prólogo, o autor sitúanos perante unha obra de humor macabro:

Iste enterrador tense por home de ben e cóntame cousas tráxicas que fan rir e cóntame cousas de rir que arrepían.

Mais o humor non é un fin en si mesmo, senón unha forma de analizar criticamente a realidade. O narrador das memorias tivera en vida un ollo de vidro, o cal lle permite ver na súa existencia de ultratumba. Así, vainos presentando pequenos cadros con personaxes que levan consigo á cova a súa ideoloxía, a súa forma de vivir, etc. Encontramos entre estes personaxes unha ridícula namorada que morreu de amor, un zapateiro que morreu de saudade por non poder cantar nun orfeón, uns políticos centralistas que se negan a falar en galego, un fracasado na emigración, un inglés que pensa que todo se arranxa con diñeiro... e, como remate, un vampiro que todas as noites se levantaba para chupar sangue aos vivos e que Era..., ¡era un cacique!”

Obra narrativa. Os dous de sempre

Os dous de sempre

Esta novela está centrada na vida de dous protagonistas desde a infancia á madurez, con dúas personalidades contrapostas:

- Pedriño, fillo máis vello dunha familia pobre, críase cunha tía que o mima e o protexe excesivamente. De natureza pusilánime, vago, inactivo, a súa única aspiración é comer moito traballando o menos posíbel. Tras unha serie continuada de fracasos (estudios, traballo, emigración na Pampa arxentina a onde marcha obrigado pola sogra), consegue, por intercesión da sogra ante o alcalde, un posto de traballo cómodo, onde “pasa unha vida folgada e feliz, porque xa vai sendo vello e o ventre pídelle menos comida”.

- Rañolas, eivado das pernas, está condicionado tamén pola súa orixe familiar: A súa nai “era ladra, borracha e candonga. O seu pai... nin a mesma nai podería decir quen fora”. Superando estes obstáculos, Rañolas móstrase como unha persoa aguda, activa, emprendedora, capaz de deixar atrás as maiores dificultades. A súa ilusión é ter unhas pernas coas que se erguer do chan (cousa que consegue cunhas pernas ortopédicas en París, onde ademais se fai reloxeiro). Cando Rañolas ve colmadas as súas aspiracións (as pernas e saber un oficio) regresa a Rianxo, mais comeza a se sentir infeliz e escravo do traballo, porque perdera a liberdade con que pasara a vida anterior. O sentimento de fracaso empúrrao ao suicidio.

De pouco lle podían valer as aparencias de home libre, cando de certo vivía en cadeas, a traballar engoumado. Desexos lle daban de saír outra volta a cabalo dun burro, a torrarse de sol polos camiños. Rañolas non quería ser un difunto co corazón andando, un reló máis da reloxería, unha máquina de corda para contar o tempo que pasa. Os relós serían felices; pero el era un home devecido de liberdade.

Os dous de sempre está estruturado en corenta e catro capítulos, protagonizados de forma alterna uns por Pedriño e outros por Rañolas, excepto uns cantos en que ambos se encontran en Rianxo. A técnica narrativa desta novela é semellante á de Cousas, xa que cada capítulo é como un relato breve con autonomía propia (véxase “Escolma”, texto 7).

Nesta novela están tamén presentes o realismo, humorismo e lirismo, xunto cunha clara intención de ser popular e unha grande proximidade entre o narrador e olector

Obra narrativa. Retrincos

Retrincos

 É unha colección de cinco contos, escritos entre 1909 e 1934, que o propio Castelao nos presenta como autobiográficos:

...eu ofrézovos hoxe uns anacos da miña vida e prégovos que os tomedes por certos e verdaeiros; pero se coidades que son mentiras perdóovos por adiantado”

 Os dous primeiros (“O segredo” e “O inglés”) están situados na súa infancia na Pampa. Os tres restantes (“Peito de Lobo”, “O retrato” e “Sabela”) ubícanse en Galicia e, máis concretamente, en Rianxo.

 Como nas demais obras narrativas de Castelao, a narración realista aparece salpicada de elementos humorísticos e líricos.

Obra narrativa. O ensaio

 As obras ensaísticas de Castelao teñen temas moi diversos. As cruces de pedra na Bretaña e As cruces de pedra na Galiza son estudios sobre os cruceiros (orixe, ubicación, motivos ornamentais) desde o punto de vista artístico e desde o etnográfico.

 Diario, 1921 recolle impresións sobre a arte, a literatura, o teatro e, en xeral, sobre a Europa que el coñeceu nesa viaxe.

 Ora ben, a obra máis significativa no campo ensaístico é Sempre en Galiza, escrita entre 1935 e 1947 (Postumamente publicouse en Arxentina unha nova edición que incluía capítulos escritos con posterioridade á 1º edición de 1944).

 Nesta obra, Castelao expón o seu pensamento político nacionalista e demostra a existencia de Galicia como unha nación por posuír os elementos fundamentais que a constitúen: idoma propio, territorio diferenciado, vida económica propia e cultura autóctona (Véxase “Escolma”, texto 9).

 Define Castelao moi claramente o seu compromiso político e destrúe a imaxe que del se quixo dar como a dun artista e escritor que se viu forzado á actuación política. O escritor, o artista, o humorista, o caricaturista e o político son elementos indisociábeis nun home que viviu por e para o seu país e que en Sempre en Galiza afirma con claridade e contundencia: Sendo galego non podo ser máis que galeguista”.

Obra narrativa Cousas

O pai de Migueliño é un dos relatos do libro CousasO conxunto de Cousas está formado por un total de corenta e cinco textos, todos eles acompañados dun deseño intimamente relacionado co tema do texto.

A obra, publicada inicialmente en xornais e revistas, foi recollida logo en dous volumes nos anos 1926 e 1929. Tal vez sexa unha das obras máis orixinais da literatura galega, mesmo pola dificultade para a adscribir a un xénero literario concreto, xa que nela aparecen elementos narrativos e líricos. Nalgúns casos semella que estamos perante contos e noutros ante poemas en prosa. O propio Vicente Risco, ao se publicar a obra, escribiu:

Mesmamente, cómpre telo por criador dun xénero literario: os contiños curtos, verdadeiras novelas nunha páxina, dun humorismo tan fondo, dunha intensidade tráxica tan punxente, dunha poesía tan extraordinaria, que para atoparmos algo que se lle asemelle, temos que ir á literatura rusa (Gorki, Andreieff) ou á literatura irlandesa (Synge, Lord Dunsany).

Destaca aquí Risco unha característica fundamental desta obra e do estilo do autor: a síntese. Igual que nos seus debuxos, nos que Castelao busca con trazo firme mais simple resaltar os trazos fundamentais, en Cousas tamén encontramos textos moi pulidos, concentrados, nos que se seleccionan só os elementos esenciais: os máis grotescos cando constrúe un relato caricaturesco e satírico (o pequeno burgués alcohólico Romualdo); os de maior ternura cando o texto ten unha finalidade lírica: “Chámanlle a Marquesiña” ou “A vella non para de gabar a súa felicidade” . Ao servizo deste afán de síntese está tamén a construción oracional: frases breves, moi equilibradas e en perfecta harmonía, claridade conceptual e riqueza léxica a partir dunha lingua popular que o autor pole e mima sen chegar nunca á artificiosidade.

A pesar desa mestura de humorismo, narración, sátira e lírica Cousas está concibido cunha clara intención realista. Así, encontrámonos cos problemas que as novas artes de pesca, introducidas en Galicia pola burguesía catalá , provocan no noso mundo mariñeiro: ruína, necesidade de esmola, alcoholismo. Observamos tamén o gravísimo tema da emigración: os fracasados que só traen consigo a enfermidade e a morte, como “O pai de Migueliño”. Mais tamén cando o emigrante triunfa, as consecuencias son nefastas: a desintegración do mundo de que se parte.

A problemática da muller tamén aparece no libro. Desde a muller fidalga que só ten como función social reproducir a súa clase e que, frustrada a súa maternidade é un ser inútil (“Vou contarvos un conto triste”, até a muller popular que, solteira e cunha filla, nos deixa ver que o matrimonio non é necesario para a felicidade (“A vella non para”).

En xeral, Castelao móstrase crítico cun progreso que vén provocado pola acumulación de capital e que, lonxe de traer a felicidade, pode provocar a inxustiza, a infelicidade e mesmo situacións irracionais ás persoas que se obsesionan coa consecución de diñeiro (“O vello Saramaguiño”, “O fillo de Rosendo”).

Obra dramática. Os vellos non deben de namorarse

No ano 1921 Castelao realizou cunha bolsa de estudios unha viaxe a Francia e Alemaña e tivo a oportunidade de coñecer a arte e o teatro vangardista europeo. Alí puido comprobar cómo o texto se fundía coa música, a luz, a danza e unha decoración chea de cores. De aí tomou a súa idea (que transmite a Risco e Otero Pedrayo) do teatro como un espectáculo global en que se integran, a carón do texto, todos os elementos citados. En Diario, 1921 aparecen algunhas ideas que se plasmarán logo en Os vellos non deben de namorarse, única obra teatral de Castelao. Comezada antes da Guerra Civil, non foi rematada e estreada ata 1941 en Buenos Aires (no exilio de Castelao) e publicada en 1953.

A obra divídese en tres lances de estrutura e tema moi semellantes: tres vellos ricos (un pequeno burgués, un fidalgo e un labrego acomodado) que se namoran de tres mozas pobres e que por intentaren conseguir o seu amor acaban morrendo. A obra termina cun epílogo en que os tres vellos, despois de mortos, dialogan no cemiterio sobre a vida das súas “namoradas”.

A obra ten un tema esencialmente tráxico (o vello que se aferra á vida, representada na frescura das mozas), mais está tratado dun xeito humorístico e crítico: os vellos, confiados no poder do seu diñeiro e cegados polo amor, chegan a ser obxecto de burla, non só por parte das mozas, senón tamén por parte do pobo. En todos os lances existen tamén uns mozos, dos que as rapazas están namoradas. E en todos aparece tamén a morte como un personaxe.