Tema 1
Castelao
Obra narrativa. Un ollo de vidro.
Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete
Nesta primeira obra Castelao preséntanos as memorias escritas por un esquelete nun cemiterio de cidade e que o enterrador lle entrega a el. Desde o propio prólogo, o autor sitúanos perante unha obra de humor macabro:
Iste enterrador tense por home de ben e cóntame cousas tráxicas que fan rir e cóntame cousas de rir que arrepían.
Mais o humor non é un fin en si mesmo, senón unha forma de analizar criticamente a realidade. O narrador das memorias tivera en vida un ollo de vidro, o cal lle permite ver na súa existencia de ultratumba. Así, vainos presentando pequenos cadros con personaxes que levan consigo á cova a súa ideoloxía, a súa forma de vivir, etc. Encontramos entre estes personaxes unha ridícula namorada que morreu de amor, un zapateiro que morreu de saudade por non poder cantar nun orfeón, uns políticos centralistas que se negan a falar en galego, un fracasado na emigración, un inglés que pensa que todo se arranxa con diñeiro... e, como remate, un vampiro que todas as noites se levantaba para chupar sangue aos vivos e que “Era..., ¡era un cacique!”