Tema 1
Castelao
Castelao, artista nacional e popular.
A arte para min non foi máis que un elemento, un recurso, un medio de expresión, e co lápiz ou a pluma só quixen ser un intérprete fiel do meu pobo, das súas dores e das súas esperanzas. Debuxei sempre en galego; escribín sempre en galego; e se sacades o que hai de galego e de humano na miña obra non quedaría nada dela.
Estas palabras de Castelao infórmannos de dúas características esenciais do seu labor artístico e literario: humanismo e galeguismo. O carácter humano da súa obra reflíctese sobre todo no amor polos personaxes, especialmente cando estes pertencen ás clases sociais populares. Castelao non idealiza os seus personaxes, fúndese con eles e ofrécenos unha visión da vida popular coas súas virtudes e cos seus defectos, mais estes non están vistos como algo individual e reprochábel, senón como algo motivado polo contexto.
Á parte da súa militancia política nacionalista, o galeguismo está patente no seu espírito de servicio e entrega ao país, no enfoque das súas obras e nas análises que realiza nos seus ensaios.
Pero ademais destas dúas características encontramos outras na obra do rianxeiro:
- Visión populista da arte e da literatura, distanciada do culturalismo aristocrático e elitista de Risco ou Pedrayo. Para Castelao a arte e a literatura dun país teñen que ter as súas raíces na cultura popular para, a partir dela, crear cousas novas.
- Crítica das inxustizas, denuncia da miseria en que se vían sumidos labregos e mariñeiros. Neste sentido resulta esclarecedora esta anécdota. A propósito do álbum Nós alguén preguntou a Castelao por qué, en vez de presentar o malo, o pobre e o misérrimo de Galicia, non facía debuxos do bonito, o rico e o pracenteiro. A resposta de Castelao foi: “Pois, porque non teño vocación de estupefaciente”
- Humorismo, reflectido de forma especial na caricatura. O humorismo para Castelao é unha forma de reflectir os desequilibrios, as incongruencias e as contradicións da vida.
- Lirismo, un sentimento de amor ou piedade, que provoca que o humor non sexa sarcástico e, como remate, fique patente a indulxencia cos defectos humanos.