Rosalía de Castro. Vida e obra

Rosalía mitificada

O mito Rosalía.

 

 Morta Rosalía, e co transcurso dos anos, a súa figura foi trocándose nun mito, que terxiversou e traizoou o sentido da súa obra e a súa personalidade. Esta manipulación debeuse á dificuldade que para sectores intelectuais, mesmo do galeguismo católico, supuña asimilar certas ideas de Follas novas, máxime estando estas escritas por unha muller. De aí proveñen os apelativos “nai chorosa”, “beata aldeá”, “santiña”,... cos que se ten denominado a Rosalía, cambiando sustancialmente a súa mensaxe e o seu carácter forte. Curiosamente nada disto sucedeu en vida da autora, cando ela tivo que soportar duros ataques e incomprensións polo carácter e contido dalgunha obra. Sirvan como contraste a estas interpretacións dous textos: de Murguía o primeiro e da propia Rosalía o segundo:

Se houbo alguén que nos momentos de desgracia se ergueu altivo como un heroe que antes de caer vencido intenta levantarse e loitar ainda, era ela. No seu sangue circulaba, nas súas carnes latexaba algo de indómito e superior.

Eu, pola miña banda, engadirei que son vella para recibir leccións de ningún mestre de escola, e, polo tanto, que me ateño ao que a miña decencia me dicta, que nisto é o mellor xuiz que puiden achar...