Rosalía de Castro. Vida e obra

Temas

Temas

Cantares gallegos preséntasenos como un libro de temas diversos ao servicio da dignificación patriótica que Rosalía pretende. En “Adiós, ríos; adiós, fontes”, vimos como o tema reivindicativo se presentaba diluído entre aspectos de tipo sentimental e folclórico. Algo semellante sucede no conxunto do libro e ao lado de poemas costumistas como “Nosa Señora da Barca”, dedicado ao santuario e romaría do mesmo nome en Muxía, inclúense claros alegatos patrióticos como “A Gaita gallega”.

Ainda que a adscripción dun poema a un tema determinado non pode ser ríxida, porque con frecuencia nunha mesma composición aparecerán aspectos temáticos diversos, podemos agrupalos da seguinte forma:

1.- Poemas amorosos (“Cantan os galos pra o día”, “Quíxente tanto, meniña”, “¿Que ten o mozo?”). O amor exprésase sempre en contacto cunha natureza apacible e delicada, marco propio tanto para un amor feliz como para un amor que, ainda fracasando, nunca atinxe características tráxicas.

2.- Poemas costumistas. Neles Rosalía realiza unha exaltación de costumes, festas, tradicións e personaxes populares cunha clara intención de demostrar que estas manifestacións culturais teñen a súa dignidade e a súa función dentro da colectividade que as creou e que as usa para a súa diversión. (“Un repoludo gaiteiro”, “Nosa Señora da Barca” ...) Os temas costumistas, sen embargo, poden ter en Rosalía unha inversión de tipo irónico como sucede en “San Antonio bendito”. O poema parte da copla popular:

San Antonio bendito,

dádeme un home,

anque me mate,

anque me esfole.

A pretendida debilidade feminina que levaría á muller a querer un home a calquer precio convértese ao final nunha ironía na que o que predomina é unha visión pragmática da existencia.

3.- Poemas intimistas (“Campanas de Bastabales”, “Como chove miudiño”...). Se ben na maioría dos poemas do libro, o suxeito lírico é “a meniña gaiteira” ou algún outro personaxe do seu entorno, hai algúns nos que ese suxeito lírico é a propia autora. Son poemas menos alegres e máis nostálxicos nos que comeza a perfilarse a Rosalía intimista que encontraremos en moitas páxinas de Follas novas.

4.-Poemas sociais e patrióticos. Neste grupo podemos incluír:

- Poemas escritos desde o eu lírico da propia Rosalía :”A gaita gallega”, resposta a un poema de igual título do poeta español Ruíz de Aguilera no que se preguntaba se a gaita galega chora ou canta cando toca.

- Poemas postos en boca de outras persoas, como “Castellanos de Castilla”. Partindo como sempre dunha copla popular

Castellanos de Castilla,

tratade ben aos gallegos,

cando van, van como rosas;

cando vén, vén como negros.

unha muller, desde o abandono, a dor e a impotencia pola morte do seu home, realiza un durísimo alegato contra a emigración e a explotación de Galicia. Esta crítica adopta o mesmo punto de vista popular que creou a copla que encabeza o poema.