Rosalía de Castro. Vida e obra

Vida

Rosalía de Castro naceu en Santiago no ano 1837. Pasou a súa infancia en Ortoño e Padrón. Sabemos que no ano 1853 vivía en Santiago coa súa nai e que estudaba música e deseño na Sociedad Económica de Amigos del País. Frecuentou nestes anos de mocidade compostelana o Liceo de la Juventud onde coñeceu a Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal. A súa vocación teatral quedou reflexada na súa actuación como actriz polo menos en dúas obras.

No 1856 Rosalía marchou a Madrid onde viviu, salvo algunha pequena estancia en Galicia, ata 1861. Descoñecemos os motivos polos que Rosalía se desprazou a Madrid ¿Buscando éxito como escritora? ¿Ou como actriz?. Alí coñeceu a Manuel Murguía, con quen casou no 1858. Parece ser que foi en Castela onde Rosalía escribiu os seus primeiros poemas en galego (un deles Adiós, ríos; adiós, fontes).Posibelmente residise algún tempo por Levante ou Murcia.

Entre os anos 1868 e 1870 volveu residir en Castela ao ser nomeado Murguía Arquiveiro en Simancas. Nestes anos compuxo Rosalía a maior parte dos poemas que en 1880 publicou en Follas novas.

A partir de 1870, ano no que Murguía ocupou o cargo de Xefe do Arquivo Xeral de Galicia, Rosalía xa non volveu abandonar Galicia. Morreu en Padrón no 1885.