Tema 1
Castelao
Obra dramática. Os vellos non deben de namorarse
No ano 1921 Castelao realizou cunha bolsa de estudios unha viaxe a Francia e Alemaña e tivo a oportunidade de coñecer a arte e o teatro vangardista europeo. Alí puido comprobar cómo o texto se fundía coa música, a luz, a danza e unha decoración chea de cores. De aí tomou a súa idea (que transmite a Risco e Otero Pedrayo) do teatro como un espectáculo global en que se integran, a carón do texto, todos os elementos citados. En Diario, 1921 aparecen algunhas ideas que se plasmarán logo en Os vellos non deben de namorarse, única obra teatral de Castelao. Comezada antes da Guerra Civil, non foi rematada e estreada ata 1941 en Buenos Aires (no exilio de Castelao) e publicada en 1953.
A obra divídese en tres lances de estrutura e tema moi semellantes: tres vellos ricos (un pequeno burgués, un fidalgo e un labrego acomodado) que se namoran de tres mozas pobres e que por intentaren conseguir o seu amor acaban morrendo. A obra termina cun epílogo en que os tres vellos, despois de mortos, dialogan no cemiterio sobre a vida das súas “namoradas”.
A obra ten un tema esencialmente tráxico (o vello que se aferra á vida, representada na frescura das mozas), mais está tratado dun xeito humorístico e crítico: os vellos, confiados no poder do seu diñeiro e cegados polo amor, chegan a ser obxecto de burla, non só por parte das mozas, senón tamén por parte do pobo. En todos os lances existen tamén uns mozos, dos que as rapazas están namoradas. E en todos aparece tamén a morte como un personaxe.