Moito se fala do termo web 2.0 para referirse a unha segunda xeración na historia do desenvolvemento da tecnoloxía Web baseada en comunidades de usuari@s e unha gama especial de servizos, como as redes sociais, os blogues, as wikis ou as folcsonomías, que fomentan a colaboración e o intercambio áxil e eficaz de información entre os usuarios dunha comunidade ou rede social.

A Web 2.0 tamén se lle chama web social polo enfoque colaborativo e de construción social.

O éxito das redes sociais e polo tanto da web 2.0 hai que buscalo na sinxeleza de uso e na non dependencia dun "informático" para configurar un foro social.

De todos modos hai que ter en conta que a web sempre foi social e colaborativa. Alá polo ano 2001-2003 eu empreguei foros colaborativos cos meus alumnos e alumnas na asignatura de matemáticas xunto con outros escolares da zona. ¿Acaso non era unha rede social como lle chaman agora?

O protocolo http (protocolo de transferencia de hipertexto) xurdiu pola necesidade de compartir. Hoxe parece que se non es 2.0 es egoísta e anticuado.

O esforzo dos docentes debería tender a procura de novas metodoloxías, procesos de aprendizaxe, e como poden ser potenciados e con qué ferramentas TIC.

O importante é que a aprendizaxe do alumnado se vai enriquecendo pola incorporación de novos procesos de aprendizaxe que poden ou non empregar as tecnoloxías da información e comunicación (mellor tecnoloxías do coñecemento).

Nesta ligazón podes descargar en pdf un mapa que agrupa os principais conceptos relacionados coa web 2.0web20

Última modificación: xoves, 1 de decembro de 2016, 1:42 PM