Coordinación horizontal
3. Como artellamos a colaboración
As institucións supranacionais insisten na importancia de crear mecanismos de comunicación entre profesorado e alumnado para realizar un seguimento entre profesorado e familia co fin de comentar os avances e prover axuda ás familias e, finalmente, un sistema de colaboración entre o alumnado. Este último serve para que se axuden entre eles, e contribúe a que manteñan as interaccións sociais con xente da súa idade, esenciais para o seu benestar psicolóxico e emocional. No módulo 4 explorarás como as ferramentas do ecosistema dixital galego poden proporcionarche espazos para fomentar a colaboración entre o alumnado e facilitar a comunicación coas familias.
A OCDE suxire tamén establecer canles de comunicación entre todo o persoal da comunidade educativa dun ou diferentes centros para compartir o coñecemento adquirido. Isto pode ser especialmente interesante no caso de centros educativos que están localizados na mesma zona, por exemplo, co fin de compartir recursos ou artellar plans conxuntos, aínda que non ten por que limitarse á situación xeográfica, tamén se poden establecer colaboracións entre institucións con visións educativas semellantes.
Aínda así, é certo que a coordinación é un dos maiores desafíos nos centros educativos, que ademais se agudiza coa non presenza. Malia que pode haber múltiples posibilidades para artellar esa coordinación, pode resultar útil partir dunha análise que pase polos seguintes pasos:
- Analizar o feito no último trimestre 2019/20 (podes ver un exemplo aquí).
- Priorizar que será o fundamental.
- Este artigo mostra unha panorámica do que se está a facer a nivel estatal.
- O modelo de McTighe & Wiggins (2004) propón ligar as nosas decisións pedagóxicas ás seguintes cuestións:
- Que expectativas de aprendizaxe temos?
- Como engancharemos ao alumnado e reteremos a súa atención?
- Como (n)os “equiparemos” para a actividade prevista?
- Asociar recursos a obxectivos.
- Asignar tarefas e responsabilidades para cumprilos.
- Facer equipos máis amplos capaces de xestionar modelos híbridos (se fose o caso).
- Deseñar un plan para avaliar o que funciona e o que non.
Malia que planificar é necesario, tamén é esencial a flexibilidade. Por exemplo, se houbese que levar a actividade docente á Rede, habería que reconceptualizar todos os seus elementos: o tamaño das clases vai diminuír, a lonxitude das sesións pode alterarse, as metodoloxías de avaliación van ser diferentes, a interacción ten que redeseñarse... e, daquela, a flexibilidade e a creatividade van ser esenciais.
Nese caso, poden redimensionarse prácticas xa existentes como a radio escolar ou os podcasts de centro (por citarmos un exemplo, Radio Ü do CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés) que permiten un traballo conxunto do claustro dado que eses espazos dan cabida a todas as materias.
Indo alén do propio centro, unha proposta consiste en mobilizar os “activos de educación” cos que contan os centros educativos e, por extensión, as vilas, cidades... Fernando Trujillo (2018) define como activos educativos “todos aqueles factores que promoven a aprendizaxe dos individuos, comunidades e poboacións”