Coordinación horizontal

Sitio: Aula Virtual - O Piñeiriño
Curso: Ensino mixto (by Manu Felpeto) 20-21
Libro: Coordinación horizontal
Impreso por: Usuario convidado
Data: xoves, 20 de novembro de 2025, 10:58 AM

1. Introdución

Calquera proceso de mellora ou innovación ten moitas máis probabilidades de alcance e perdurabilidade nun equipo coordinado. Os claustros educativos son, como di Antonio Bolívar (2000:34), comunidades profesionais de aprendizaxe que son capaces de construír o seu coñecemento “a partir de dous procesos: aprender da experiencia acumulada mediante adaptacións progresivas de novas ideas ou propostas e aprender dos proxectos postos en marcha”.

Este coñecemento permítenos ordenar os contidos das materias, homoxeneizar sistemas de avaliación, xestionar a carga de traballo entre materias, etc. No caso dos espazos de ensino mixto, a experiencia de aprendizaxe tamén mellora considerablemente para todos os axentes da comunidade educativa se se parte dun enfoque coordinado e do traballo en equipo.


2. Que planificamos?

Un informe de Save the Children indica, ao fío da educación a distancia, que esta non depende só de plataformas e recursos dixitais. O papel de docentes e familias é fundamental. Por unha banda, existe consenso na necesidade de que o profesorado reciba formación para o emprego de novas tecnoloxías na docencia. Por outra, tamén se recomenda que familias e alumnado teñan ao seu dispor un servizo de soporte técnico para posibles problemas e dúbidas relacionadas coas tecnoloxías utilizadas. Poderíase pensar na posibilidade de constituír un equipo para deseñar plan de centro que dese atención a esas necesidades (podes ver a proposta de Raúl Diego aquí e unha concreción desta para alumnado de primaria aquí).

Tamén se pode pensar noutra opción, a de planificar a longo prazo baseándose en dúas ideas:

1) O emprego habitual da tecnoloxía dentro da vida escolar.

2) O consenso dunha serie de prácticas apoiadas en procesos cognitivos:

  • Activación de coñecementos previos.
  • Explicacións claras.
  • Exemplos ben buscados.
  • Preguntas de comprensión e aplicación práctica.
  • Alfabetización.
  • Práctica espaciada.

Isto permitiría planificar con anticipación gran parte do currículo e da súa implementación. Compartir o traballo entre o departamento/ciclo/nivel tamén reduciría a carga de traballo a longo prazo. Estes acordos previos e os mecanismos para continuar a coordinación e a comunicación a distancia axudarían a manter a estrutura no caso de ter que levar a nosa actividade a un espazo virtual.


3. Como artellamos a colaboración

As institucións supranacionais insisten na importancia de crear mecanismos de comunicación entre profesorado e alumnado para realizar un seguimento entre profesorado e familia co fin de  comentar os avances e prover axuda ás familias e, finalmente, un sistema de colaboración entre o alumnado. Este último serve para que se axuden entre eles, e contribúe a que manteñan as interaccións sociais con xente da súa idade, esenciais para o seu benestar psicolóxico e emocional. No módulo 4 explorarás como as ferramentas do ecosistema dixital galego poden proporcionarche espazos para fomentar a colaboración entre o alumnado e facilitar a comunicación coas familias.

A OCDE suxire tamén establecer canles de comunicación entre todo o persoal da comunidade educativa dun ou diferentes centros para compartir o coñecemento adquirido. Isto pode ser especialmente interesante no caso de centros educativos que están localizados na mesma zona, por exemplo, co fin de compartir recursos ou artellar plans conxuntos, aínda que non ten por que limitarse á situación xeográfica, tamén se poden establecer colaboracións entre institucións con visións educativas semellantes.

Aínda así, é certo que a coordinación é un dos maiores desafíos nos centros educativos, que ademais se agudiza coa non presenza. Malia que pode haber múltiples posibilidades para artellar esa coordinación, pode resultar útil partir dunha análise que pase polos seguintes pasos:

  • Analizar o feito no último trimestre 2019/20 (podes ver un exemplo aquí).
  • Priorizar que será o fundamental.
    • Este artigo mostra unha panorámica do que se está a facer a nivel estatal.
    • O modelo de McTighe & Wiggins (2004) propón ligar as nosas decisións  pedagóxicas ás seguintes cuestións: 
      • Que expectativas de aprendizaxe temos? 
      • Como engancharemos ao alumnado e reteremos a súa atención? 
      • Como (n)os “equiparemos” para a actividade prevista? 
      • Asociar recursos a obxectivos.
      • Asignar tarefas e responsabilidades para cumprilos.
      • Facer equipos máis amplos capaces de xestionar modelos híbridos (se fose o caso).
      • Deseñar un plan para avaliar o que funciona e o que non.

Malia que planificar é necesario, tamén é esencial a flexibilidade. Por exemplo, se houbese que levar a actividade docente á Rede, habería que reconceptualizar todos os seus elementos: o tamaño das clases vai diminuír, a lonxitude das sesións pode alterarse, as metodoloxías de avaliación van ser diferentes, a interacción ten que redeseñarse... e, daquela, a flexibilidade e a creatividade van ser esenciais.

Nese caso, poden redimensionarse prácticas xa existentes como a radio escolar ou os podcasts de centro (por citarmos un exemplo, Radio Ü do CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés) que permiten un traballo conxunto do claustro dado que eses espazos dan cabida a todas as materias. 

Indo alén do propio centro, unha proposta consiste en mobilizar os “activos de educación” cos que contan os centros educativos e, por extensión, as vilas, cidades... Fernando Trujillo (2018) define como activos educativos “todos aqueles factores que promoven a aprendizaxe dos individuos, comunidades e poboacións”


4. Obxectivo final

Á hora de tomar decisións, as preguntas guiadoras conducen á meta última do noso labor docente: que estratexias precisa activar e pór en práctica o noso alumnado? Como podemos traballar en equipos docentes para facelo dun xeito máis eficaz?

Para enriquecer o traballo en equipo, poremos en acción habilidades relacionadas coas competencias profesionais docentes: educador e guía; interlocutor e referente; membro dunha organización; investigador e innovador e as competencias instrumentais transversais.

Sabemos que “ensinar” é unha tarefa complexa para a que, como di Hattie (2012:5), “non hai receitas que garantan que o ensino teña o máximo efecto posible na aprendizaxe do alumnado, nin tampouco un conxunto de principios que se apliquen a toda aprendizaxe de todos os estudantes, pero si hai prácticas que sabemos que son efectivas e moitas que sabemos que non o son”.

Especialmente no último trimestre do curso 2019/20, a situación esixiu facer uso de todas as habilidades e os recursos ao noso dispor para pór en marcha esas prácticas efectivas. Así e todo, facendo balance do sucedido, Save the Children  indica que ao estaren lonxe dos centros educativos e dos ritmos pautados que estes establecen, o alumnado (e as familias) experimentaron serias dificultades para establecer horarios, organizar o traballo e o tempo e realizar as tarefas de maneira autónoma.

Para atallar esta situación, ese mesmo documento indica que sería desexable incorporar de maneira explícita nos obxectivos e o horario o traballo en habilidades metacognitivas e autorregulación do alumnado.

Que é a metacognición?

É un sistema regulatorio que nos axuda a comprender a súa actividade cognitiva. Permite que tomemos responsabilidade da nosa propia aprendizaxe, sendo conscientes das nosas necesidades, xerando estratexias para darlle atención, e logo implementándoas (Hacker, 2009). 

É fundamental para mellorar a autoconfianza e a autoeficacia que nos conducen ao éxito na aprendizaxe, xa que leva consigo reflexión e conduce á autonomía. Como na cita do Dr Seuss (Dr. Seuss) “É mellor saber como aprender que saber”. Se sei como aprender, vou aprender o que me propoña, pois sei o camiño.

Héctor Ruiz Martín, experto en psicoloxía cognitiva, apunta que é unha estratexia esencial, dado que “Aprender de maneira eficaz é máis cuestión de técnica que de habilidade natural”. Como docentes, podemos (e debemos) axudar o noso alumnado a mellorar esas técnicas e fortalecer a confianza neles mesmos. No trinomio tempo-cantidade-calidade do que temos que aprender, faise evidente a necesidade de controlar a cantidade e calidade dos nosos esforzos para que nos conduzan a unha experiencia de aprendizaxe satisfactoria.

Aprender é unha habilidade para a que adoitamos pensar que non existen estratexias. Asumimos que todos atoparemos o noso estilo sen probar os outros. Con todo, existen estratexias baseadas en como funciona o noso cerebro cando aprende que permiten extraer o máximo potencial deste. Preme aquí para ver 5 estratexias proporcionadas por Ruiz Martín.

Como podemos incorporar esas estratexias ao deseño instrucional dos nosos materiais? Aquí tes unha proposta xeral de Xie & Yang (2020) para o ensino en remoto aínda que no módulo III verás ideas concretas para incorporar estratexias de aprendizaxe autónoma á tua práctica docente:

  1. Equipar o alumnado con estratexias de autorregulación e metacognición para tomar control da súa propia aprendizaxe.
  2. Establecer un obxectivo de aprendizaxe claro para que o alumnado poida medir o seu éxito.
  3. Prover o contido no formato máis axeitado. Ten en consideración problemas de conectividade e emprega copias se é preciso. Que o alumnado revise os contidos con anticipación.
  4. Facer preguntas que nos leven a ver se hai algúns coñecementos errados ou falta de coñecementos de base. Que o alumnado suba as súas respostas e dar feedback.
  5. Prover unha sesión de ensino (webinar, sesión gravada, etc.) para resolver as preguntas do paso 4. Organizar o alumnado por parellas para que se apoien mutuamente.