O coro está composto por diferentes tipos de voces, agrupadas en cordas. Como xa dixemos, en función do rexistro ou tesitura existen as seguintes voces: soprano, mezzosoprano, contralto, tenor, barítono (moitas veces canta a mesma voz que os baixos) e baixo. Os coros compóñense habitualmente de catro cordas: sopranos, contraltos, tenores e baixos polo que as mezzosoprano cantan no grupo das contralto e os barítonos fan o propio cos baixos. Cada corda adoita ter unha liña melódica propia.

Disposición dos coros

A elección da disposición dos coros depende do espazo dispoñible, da acústica e sobre todo polo número de integrantes de cada corda.

En xeral adóitanse colocar as voces máis agudas -mulleres, nenas e nenos- adiante e as graves -homes- máis atrás, estando estas máis altas.

Clasificación dos coros

Polo criterio de instrumentalidade.

  • Coro a cappella: cando canta sen acompañamiento instrumental.
  • Coro concertante: cando o coro canta con acompañamento instrumental.

Polo criterio de timbre e tesitura.

  • Coro de voces iguais: cando conteñen voces da mesma natureza, voces brancas, voces femininas ou voces masculinas. Poden cantar a varias voces ou ao unísono como pasaría en coros de música gregoriana. As escolanías son coros de nenas e nenos ( voces brancas) dividido en sopranos e contraltos. Unha das agrupacións máis famosas de voces brancas son os Nenos Cantores de Viena.
  • Coro de voces mixtas: cando conteñen voces de diferente natureza, voces blancas, femininas e masculinas a un mesmo tempo. Adoita ser de catro ou seis voces.

Polo tamaño

Existen agrupacións vocais de diverso tamaño, desde cuartetos ata os grandes coros. A continuación vemos as agrupacións máis habituais.

  • Coro de cámara: de reducidas dimensións (menos de vinte cantantes).
  • Coro mixto (tamén chamado coro sinfónico, orfeón ou masa coral): é a formación máis habitual, con diversidade de integrantes, aínda que se considera tal a partir duns 20 ou 25 cantantes.