É un baile e un xénero musical tipicamente galego. Como xénero, distínguese principalmente polo seu compás de 6/8, rápido e vivo, do cal existen algunhas variantes.

A súa orixe é discutida, pero comunmente afírmase que foi nos muíños onde se moían o trigo e máis o millo onde naceu este baile; dado que as mulleres que traballaban alí tiñan que esperar algún tempo a que o millo estivese a punto, e para pasar o tempo bailaban.

Como baile tradicional interpretábase en festas, romarías e canta xuntanza social o permitía. Se se dispuña de gaita, preferíase esta; pero senón, un grupo de percusión máis ou menos improvisado. A danza era colectiva, normalmente de tres a oito parellas colocadas fronte a fronte formando unha ringleira. A estrutura musical, composta de copla e volta, refléctese na danza en xeito de punto e paseo. Un home interpretaba un punto, construído máis ou menos improvisadamente a base de embotados, saltos, picados e outras figuras, e o resto do grupo repite os movementos varias veces, mentres dure a parte da copla. Durante a parte de volta da melodía, o grupo realizaba paseos, en círculo, xirando as filas sobre o seu centro, ou outras figuras coreográficas sinxelas. Tanto punto como paseos execútanse cos brazos en alto ou facendo leves debuxos que dan máis graza á interpretación.