UNIDADE 3: COMUNICANDO CO CORPO
Tango
Tango
O tango é un xénero musical tradicional de Arxentina e Uruguai, nacido da fusión cultural entre emigrantes europeos, descendentes de escravos africanos e dos nativos da rexión do Río da Prata. Musicalmente adoita ter forma binaria (tema e retrouso) ou ternaria (dúas partes ás que se agrega un trío). En esencia, é unha expresión artística de fusión, de natureza netamente urbana e raíz suburbana («arrabaleiro»), que responde ao proceso histórico concreto da mestizaxe biolóxica e cultural da poboación rioplatense pre-inmigración e a inmigración masiva, maioritariamente europea, que reconstituíu completamente as sociedades rioplatenses, a partir das últimas décadas do século XIX.
A súa interpretación pode levarse a cabo mediante unha ampla variedade de formacións instrumentais, sendo as máis características o cuarteto de guitarras, o dúo de guitarra e bandoneón, o trío de bandoneón, piano e contrabaixo, así como a orquestra típica ou o sexteto.
As letras das súas cancións están compostas baseándose nun argot local chamado lunfardo que, adoita expresar as tristezas, especialmente no amor aínda que tamén pode tratar outras temáticas.
O tango como baile naceu no arrabalde. Durante unha época estivo prohibido polo que a xente se viu obrigada a practicalo en lugares ocultos ata principios do século XX. Nas dúas primeiras décadas do século pasado, o tango triunfou en clubs nocturnos de París (Francia), onde apareceu, por primeira vez, en 1910, e noutros países latinoamericanos (especialmente Colombia, México e Centroamérica) e logo en Nova York. O tango comezou a bailarse entón en locais nocturnos das súas cidades de nacemento e rapidamente pasou a salóns populares.