Introdución

Os bailes de salón (inglés: Ballroom dance) son aqueles que baila unha parella de forma coordinada e seguindo o ritmo da música. Na orixe eran lúdicos e populares e a súa repercusión social foi de tal magnitude que deu lugar á creación de salas específicas que -dotadas dunha orquestra e un pavimento adecuado- facilitaran a súa práctica. Na actualidade practícanse tamén como modalidade deportiva en competicións organizadas e regulamentadas polas correspondentes federacións nacionais e internacionais.

Tanto na súa versión social como na de competición e deporte os movementos e interaccións da parella axústanse a patróns previamente establecidos que, asociados coa música, caracterizan aos distintos bailes. Isto motiva que a súa práctica requira dun previo aprendizaxe que antigamente se transmitía de pais a fillos e na actualidade pode ser adquirido en academias de baile.