As Rúbricas son métodos avanzados de cualificación das Tarefas usados para avaliala en base a uns criterios. Isto é, a rúbrica consiste nun conxunto de criterios para os que se proporcionan varios niveis descritivos, asignándolles unha cualificación numérica e/ou nominal a cada un deles. Deste xeito, a persoa que avalía elixe que nivel contesta/describe mellor o criterio dado. 

Como cualificar unha rúbrica

En principio, cada docente pode realizar a cualificación da súa propia rúbrica como estime máis oportuno. De todas formas, existe un método estandarizado de cualificación de rúbricas que describimos a continuación.

A cualificación global normalizada calcúlase como a suma da nota obtida en cada criterio menos o valor mínimo posible, e todo isto dividido entre a suma do valor máximo posible menos o mínimo posible en cada criterio. 

Analicemos o seguinte exemplo para tratar de entender mellor este concepto:

Supoñamos que a nosa rúbrica ten 4 criterios (Requisitos, Contidos, Organización, Orixinalidade), todos eles con 4 niveis (Exemplar, Conseguido, En proceso, Iniciado) con puntuacións que van do 1 ao 4.

Neste exemplo, as notas que obtivo a persoa cualificada en cada criterio son 3, 1, 4 e 4 puntos respectivamente. Polo tanto, a cualificación obtida sería:

  • Numerador: (3 - 1) + (1 - 1) + (4 - 1) + (4 - 1) = 8
  • Denominador: (4 - 1) + (4 - 1) + (4 - 1) + (4 - 1) = 12
  • Total: 8/12 = 0,6

Neste exemplo, se a nota máxima da tarefa fose de 10 puntos, a persoa do exemplo obtería unha cualificación total de 6 puntos.

Exemplo de rúbrica

*
Exemplar (4) Conseguido (3) En proceso (2) Iniciado (1)
 Requisitos

Cumpre tódolos requisitos e incluso excede as expectativas.

Cumpre tódolos requisitos.

Non cumpre satisfactoriamente con algún requisito.

Varios requisitos non se cumpren satisfactoriamente.

 Contidos

Cubre tódolos temas en profundidade con detalles e exemplos. O coñecemento do tema é excelente.

Inclúe coñecemento básico sobre o tema. O contido parece ser bastante bo.

Inclúe a información básica sobre o tema, pero ten algún erro.

O contido é mínimo e presenta varios erros.

 Organización

Contido ben organizado usando adecuadamente os elementos de clasificación.

Usa elementos de clasificación e organización pero o conxunto aparenta certo desorde.

A maior parte do contido está organizado.

A organización non é clara ou non é lóxica. Demasiadas partes sen organizar.

 Orixinalidade

O resultado demostra gran orixinalidade.  As ideas son creativas e enxeñosas.

O resultado demostra certa orixinalidade. O traballo demostra perspicacia e novas ideas.

Usa ideas de outros, recoñecendo a autoría, pero case non hai evidencias de ideas orixinais.

Usa ideas de outros e non recoñece a autoría

* Esta primeira fila é meramente informativa do logro no que se podería encadrar o nivel acadado en cada criterio, pero non debería aparecer reflectida na rúbrica, xa que non especifica ningún elemento que teremos en conta para establecer que grao de cumplimento se dá nos diferentes criterios. Ademais, cada criterio establecido pode ter diferentes niveis de cumprimento, non tendo que ser o mesmo número en todos eles.

O editor de rúbrica

O editor de rúbrica está dispoñible como método de cualificación para as actividades de tipo Tarefa, aparecendo a posibilidade de escollela no bloque Cualificación da súa configuración. Polo tanto, o primeiro paso para utilizar unha rúbrica será seleccionar Rúbrica como método de avaliación no formulario de creación da propia tarefa.

Configurar rúbrica
Imaxe 4.11.1 Configurar rúbrica como método de avaliación para unha tarefa

Para acceder ao editor da rúbrica, en primeiro lugar seleccionamos a tarefa que xa está creada e a continuación prememos sobre o menú Administración de tarefas -> Cualificación avanzada. 

Definir rúbrica
Imaxe 4.11.2 Definir a rúbrica que se utilizará

O editor de rúbricas permite configurar o nome da rúbrica, a descrición e a propia rúbrica. Este editor permite engadir novos criterios e niveis, eliminalos e cambiar a orde dos criterios.

Hai varias opcións nas rúbricas que se poden configurar tamén. Para cada criterio, debe cumprimentarse a descrición do criterio e para cada nivel, debe especificarse a definición do mesmo e o número de puntos asociados co nivel. A definición da rúbrica debe gardarse empregando o botón de Gardar rúbrica e deixala rematada ou o botón de Gardar como versión preliminar.

Editor da rúbrica
Imaxe 4.11.3 Editor da rúbrica

Cando nunha tarefa escollemos a rúbrica como método de cualificación, temos a opción de crear unha nova desde cero ou reutilizar unha xa existente. Por defecto, só co perfil administrador da aula virtual (Moodle) se poden converter rúbricas en grellas dispoñibles en todo o sitio para todo o profesorado. Malia isto, non implica que non poidamos reutilizar rúbricas creadas previamente co noso perfil.

Última modificación: sábado, 26 de outubro de 2024, 12:32 AM