As partes principais da xanela dun curso son: a cabeceira, o esquema do curso (temas) e os bloques.

Como navegar nun curso
Imaxe 1.6.1. Estrutura e partes principais da pantalla dun curso

Cabeceira

A cabeceira está formada por:

  • Barra de navegación. Indica en todo momento a ruta da páxina actual.
  • Menú do usuario. Indica o nome do usuario ou usuaria co que se accedeu e proporciona acceso rápido ás páxinas do perfil persoal.
  • Menú de cambio de idioma. Mostra o idioma que se está utilizando na interface de Moodle e permite cambiar a outros dispoñibles.
  • Botón de Activar edición. Permite activar o Modo edición para engadir ou modificar o contido do curso.

Esquema do curso

O esquema do curso (temas), situado no centro, xeralmente está dividido en seccións ou temas, que están destinados a conter os contidos do curso, recursos e actividades.

Sempre hai un Tema 0 ou Xeral e debaixo del normalmente hai un ou máis. Na administración do curso pódese indicar que haxa unha páxina por cada tema co fin de non ter un esquema do curso (temas) demasiado longo.

Dentro dun tema, cada recurso ou actividade consta dunha icona que identifica o tipo de elemento e un nome que lle serve de ligazón ao propio recurso ou actividade. Poden aparecer etiquetas, que son un tipo de recurso que permiten amosar texto e calquera outro tipo de contido directamente no esquema do curso (temas).

Bloques

A un lado (ou nos dous lados) do esquema do curso (temas) aparecen os bloques. Os bloques conteñen ferramentas que apoian e facilitan o desenvolvemento do curso, así como ferramentas de xestión e configuración.

Os bloques poden moverse e eliminarse para adaptalos ás necesidades do curso. Ademais, hai numerosos bloques dispoñibles que poden engadirse facilmente ao activar o Modo Edición.

Última modificación: martes, 29 de outubro de 2024, 5:11 PM