Protocolo para Coordinar cursos Platega
Protocolo para a coordinación de cursos Platega
-
- As persoas coordinadoras empregarán unha conta de correo institucional (cafi.++++@edu.xunta.es) para a xestión do curso virtual.
- A persoa coordinadora dun curso debe asesorar ao equipo de titoría durante toda a edición do curso: asesorar aos titores e titoras, tanto nas dúbidas técnicas como metodolóxicas, de contido e actividades. En caso de dúbidas sobre estes últimos aspectos debe consultar ao/á asesor/a especialista na materia do curso. Se é unha incidencia ou dúbida técnica nun curso virtual debe comunicala aos asesores de departamento DED encargados de Platega.
- Cómpre ter presente que as intervencións da coordinación fanse dende unha plataforma de teleformación institucional polo que todas as intervencións e mensaxes, tanto públicas (nos foros) como privadas (mensaxaría) se caracterizarán polo ton das mensaxes: correcto nas formas, obxectivo nas interpretacións se as houber e educado nas expresións. As mensaxes, claras e sintéticas, limitaranse ao asunto central da intervención evitando abordar temas colaterais.
- As comunicacións entre as persoas coordinadoras e titoras que sexan relevantes para o desenvolvemento do curso tales como peticións de baixa, solicitude dos informes, reclamacións, condutas disruptivas... realizaranse preferentemente a través do Foro da coordinación e titorías aberto para tal fin na Zona de coordinación e mantemento do curso virtual, onde quedarán rexistradas. En caso de necesitar algunha comunicación moi concreta que non se considere que se deba compartir en tal espazo (cando fale de situacións persoais ou privadas dalgún participante ao que se cite polo seu nome e apelidos) utilizarase a mensaxería interna do curso, como vía alternativa ás anteriores pode escribirse á conta de correo corporativa da persoa coordinadora.
- As persoas coordinadoras velarán para que as persoas titoras do curso dinamicen o curso, promovendo a participación activa dos participantes.
- Unha vez comezado o curso os participantes deberán presentarse no Foro de presentacións no prazo establecido. Antes de que este remate, a coordinación lembrará aos que aínda non se presentasen mediante a mensaxaría do curso que de non realizar a súa presentación en prazo causarán baixa e perderán o dereito a participar en actividades formativas durante o curso escolar vixente, e substituiráselles con persoas da listaxe de reservas (marcarase como “Non presentado” en Fprofe). Antes de proceder a privar do dereito enviarase unha mensaxe advertíndolle de que de non xustificar a non presentación no curso privaráselle do dereito a participar en actividades durante o curso escolar presente. (De non realizalo marcarase “Sancionar” en Fprofe).
- As renuncias debidamente comunicadas durante o prazo de presentación dos participantes do curso non darán lugar á perda do dereito a participar en actividades formativas e ofertaranse ás persoas en reserva (marcaranse como “Renuncia” en Fprofe).
- Transcorrido o prazo de presentación dos participantes, os abandonos do curso non comunicados á titoría ou á coordinación ou non xustificados debidamente provocarán a exclusión da actividade e a perda do dereito a participar en actividades formativas durante ese curso escolar (marcaranse como “Abandono” en Fprofe). Antes de proceder a privar do dereito en Fprofe enviarase unha mensaxe advertíndolle de que de non xustificar o abandono privaráselle do dereito a participar en actividades durante o curso escolar presente (De non realizalo marcarase “Sancionar” en Fprofe).
- Se a coordinación recibe comunicación das titorías sobre intervencións irrespectuosas por parte dos participantes intervirá de xeito inmediato.
- Recibida da titoría a 1ª mensaxe, fará un seguimento próximo ata que se resolva a situación. Ocultarase esa(s) intervención(s) de xeito que non sexa(n) visible(s) ao resto dos participantes.
- Enviaráselle unha mensaxe a esa persoa pedíndolle que desista da súa actitude e advertíndoa de que, se reincide novamente, poderán ser tomadas as medidas oportunas para que o seu comportamento non interfira no correcto desenvolvemento do curso.
- No caso de que esa persoa reincida, se lle informará á persoa irrespectuosa e mais ás persoas titoras de que se vai proceder segundo o advertido, polo que se lle privará do acceso á aula virtual namentres se lle consulta á Dirección do CAFI o mellor proceder.
- Desde a coordinación hase de dar resposta a todas as situacións que puidesen expor as titorías nun prazo de 24 horas, salvo en fins de semana que será de 72 / 48 horas. Aínda que se ha de promover a resolución de dúbidas a través do Espazo de apoio á titoría, dado o seu carácter horizontal (permite anticipar posibles dificultades de terceiros), no caso de que a persoa coordinadora non poida dar unha resposta concreta no tempo establecido (por ter que consultar a un terceiro, por exemplo), deberá comunicar á titoría nese prazo de 24 horas que lle dará cumprida resposta en canto lle sexa posible.
- Deben supervisar e comprobar que os titores cumpren os prazos de resposta (24/48 horas) en canto á cualificación das actividades e contestación de mensaxes nos foros de consultas e dúbidas.
- A coordinación do curso controlará que a recepción, avaliación e cualificación das tarefas por parte da titoría se realiza de acordo ao disposto no protocolo de titorización.
- Reclamacións das cualificacións… das titorías. As persoas participantes poderán presentar reclamación das cualificacións recibidas ante a titoría.
- A coordinación poderá recibir unha reclamación a unha cualificación dunha tarefa ou do proxecto final por dúas vías:
- Correo electrónico dun participante que 48 horas despois de presentar a súa reclamación ante a titoría non obtivo resposta.
- Correo electrónico da titoría no que ratifica a cualificación dunha tarefa ou do proxecto final reclamada polo participante.
- A persoa coordinadora revisará a cualificación tomando como referencia os criterios de corrección, pautas, especificacións… establecidas na tarefa, curso…
- Nun prazo máximo de 48 horas resolverá a reclamación nunha cualificación motivada.
- Informará por correo electrónico ao participante e poñerá en copia á persoa titora.
- A coordinación poderá recibir unha reclamación a unha cualificación dunha tarefa ou do proxecto final por dúas vías:
- Corrección, actualización e control
- As persoas coordinadoras colaborarán na revisión e actualización da aula dos cursos que se lle asignaron, suxerindo cambios ou propondo actualizacións e modificacións ás diferentes seccións: contidos, plan de actividades, cronograma etc.
- Ademais, recollerán todas aquelas suxestións de mellora que lles comuniquen as titorías a través do Foro de coordinación e titorías do curso na Bitácora do curso > Edicións > Propostas de mellora.
- Os cursos Platega permanecerán accesibles durante o curso escolar da súa celebración. Transcorrido o prazo ocultaranse.
- Está dispoñible unha listaxe de cotexo, coma ferramenta de axuda na labor da coordinación, nos Espazos de apoio > 3 Coordinar.
- As persoas coordinadoras empregarán unha conta de correo institucional (cafi.++++@edu.xunta.es) para a xestión do curso virtual.
Departamento de educación dixital
Vostede é libre para:
- Compartir — copiar e redistribuir o material en calquera medio ou formato
- Adaptar — remesturar, transformar, recrear e crear obras derivadas sobre o material
...mesmo con finalidade comercial, baixo as condicións seguintes:
- Atribución— Debe dar o recoñecemento apropiado, fornecer un vínculo á licenza e indicar se se fixeron cambios. Pode facelo de calquera maneira razoábel pero non de maneira que poida suxerir que o licenciante o apoia a vostede ou o seu uso.
- Non comercial — Non pode utilizar este material para propósitos comerciais.
- Compartir Igual — Se vostede remestura, transforma ou recrea sobre o material, debe distribuír as súas colaboracións coa mesma licenza cá orixinal.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0