Titorizar cursos Platega
Protocolo para a titorización

O labor titorial é fundamental na formación na Rede por ser o nexo humano entre o profesorado participante nos cursos e a Plataforma de formación. Por iso, é responsabilidade das titorías artellar un ambiente propicio á adquisición das competencias e desempeños programados nos cursos virtuais. Desenvolverá os seus labores seguindo este protocolo:
- As persoas titoras empregarán a súa conta de correo institucional (++++@edu.xunta.gal) para a xestión do curso virtual. A vía oficial de comunicación é esta conta de correo sendo responsabilidade do participante consultala coa frecuencia necesaria e mantela sempre operativa (contrasinal actualizado, cota de almacenamento non excedida…).
- Cómpre ter presente que as intervencións da titoría se fan dende unha plataforma de teleformación institucional polo que todas as intervencións e mensaxes, tanto públicas (nos foros) como privadas (mensaxaría) se caracterizarán polo ton das mensaxes: correcto nas formas, obxectivo nas interpretacións se as houber e educado nas expresións. As mensaxes, claras e sintéticas, limitaranse ao asunto central da intervención evitando abordar temas colaterais.
- As persoas titoras dos cursos Platega deben ter competencia profesional docente para titorizar, especialmente nos aspectos específicos e singulares da formación na Rede e de Platega en concreto. Mediante o curso virtual Titorizar cursos Platega facilítase esta formación aos novos titores e titoras de cursos para Platega no estilo de titorización desta plataforma e nos seus usos específicos e características singulares. Así mesmo, empregarase para actualizar aos titores de cursos Platega. As persoas titoras deberán ter todos os desempeños das persoas creadoras de cursos amais dos propios da titorización, relacionados de seguido.
- As persoas titoras reciben apoio e coordínanse nos Espazos de apoio, tendo acceso aos espazos 1 Crear e 2 Titorizar.
- As persoas titoras deben estar dispoñibles para os participantes no seu curso durante toda a edición do curso que titoriza. Se por algunha circunstancia non pode realizar as súas funcións de forma habitual deberá comunicalo con antelación á persoa coordinadora do seu curso.
- As comunicacións entre persoas coordinadoras e titoras realizaranse a través do Foro da coordinación e titorías aberto a tal fin na Zona de coordinación e mantemento do curso virtual, pola mensaxaría interna do curso ou polo correo electrónico de xeito que queden rexistradas por escrito.
- As comunicacións da titoría cos participantes realizaranse só a través da aula virtual: nos foros, mensaxaría interna, segundo o que proceda en cada caso. Os titores deberán gardar os rexistros das comunicacións máis sensibles (comunicacións de abandono, queixas, reclamacións...) para que, no caso de necesitalo, a persoa coordinadora poida ter acceso ás mesmas.
- O día da apertura do curso pola coordinación a titoría enviará a súa mensaxe de benvida aos participantes coas primeiras instrucións para comezar o curso.
- A titoría abrirá ou ocultará os módulos da actividade segundo corresponda de acordo coa temporalización establecida na guía da actividade. Ademais:
- Responderá ás presentacións dos participantes no foro de presentacións e informará á coordinación das renuncias que lle comunicasen os participantes.
- Tentará resolver, informando debidamente á persoa coordinadora, todas aquelas incidencias e conflitos que xurdan ao longo do desenvolvemento do curso.
- Comprobará o correcto funcionamento dos recursos de cada módulo dende o rol de estudante, antes de que os participantes teñan acceso aos mesmos.
- Verificará a data de remate das tarefas e a configuración, para que os participantes poidan entregar as tarefas nos prazos establecidos.
- A titoría levará control da incorporación dos participantes ao curso no foro de presentación, o único válido para esta finalidade. Transcorridos uns 4 ou 5 días lembrará aos non presentados mediante unha mensaxe a obriga de presentarse no Foro de presentacións.
- Correspóndelles ás persoas titoras dinamizar a actividade para que cada participante acade os obxectivos previstos, para o que se establecerán, periodicamente, retroaccións positivas co profesorado.
- No caso de producirse intervencións irrespectuosas nos foros do curso:
- A titoría, de xeito inmediato, é dicir, en canto observe esa intervención, deberá:
- Enviar unha mensaxe directa a esa persoa advertíndoa da non conveniencia deste tipo de intervencións.
- Intervir no foro reconducindo a situación.
- Informar á coordinación mediante o Foro da coordinación e titorías para que quede rexistrada a comunicación. Gardaranse evidencias das intervencións irrespectuosas.
- Se reincidise intervindo novamente de xeito irrespectuoso, a titoría de xeito inmediato:
- Enviará unha mensaxe a esa persoa comunicándolle que informou á coordinación.
- Informará á persoa coordinadora, enviándolle as novas evidencias, mediante o Foro da coordinación e titorías.
- Resumirá a situación nunha “Nota” do participante, en Participantes > Lista de usuario - Detalles de usuario > Notas > Notas do curso e mais nas observacións do informe de seguimento e/ou acta de avaliación.
- Dende a coordinación do curso enviaráselle unha mensaxe pedíndolle que desista da súa actitude e advertíndoo de que, se reincide novamente, poderán ser tomadas as medidas oportunas para que o seu comportamento non interfira no correcto desenvolvemento do curso.
- A titoría, de xeito inmediato, é dicir, en canto observe esa intervención, deberá:
- Como norma xeral, a titoría debe responder as mensaxes, as dúbidas e consultas dos foros ou avaliar as tarefas entregadas no prazo de 48 horas unha vez formuladas. Se a titoría non puidese avaliar ou dar unha resposta concreta no tempo establecido, deberá informar diso no foro onde se formulou a consulta ou por mensaxaría se a cuestión é privada.
Este mesmo criterio (48 horas) aplicarase á avaliación e cualificacións das tarefas, salvo en períodos de moita acumulación de tarefas para avaliar, coincidentes habitualmente cos finais dos prazos de entrega dos módulos. No caso dunha demora previsible a titoría informará aos participantes mediante o Foro de novas e anuncios.
- Se o curso inclúe un proxecto final, a información coa súa descrición, instrucións, recursos de apoio e prazo de entrega deberá ser accesible aos participantes dende o inicio do curso. Ademais esta mesma información deberá constar nun apartado específico na guía do curso.
- Recepción, avaliación e cualificación das tarefas:
- As tarefas avaliables con peso na nota final recibiranse unicamente nas propias tarefas, nunca por calquera medio alleo ao curso como o correo electrónico, servizos alleos como repositorios en liña ou similares, redes sociais etc, no que quedarán gardadas, avaliadas e cualificadas.
- A revisión e cualificación das tarefas entregadas no período do módulo realizarase nas seguintes 48 horas desde a súa recepción. No caso de demora previsible informarase aos participantes mediante o foro de novas.
- Se ao cualificar unha tarefa un participante non acadase a puntuación máxima posible informaráselle dos erros, aspectos incompletos etc… observados para que proceda á súa revisión e reenvío ata en dúas ocasións máis. Estes tres envíos realizaranse dentro do prazo asignado ao módulo correspondente.
- Unha vez rematado o prazo do módulo e se non se tivesen esgotados os tres envíos, as persoas participantes poderán reenviar unha vez durante a seguinte semana ao remate do módulo correspondente, sen posibilidade de novos reenvíos. Para ampliar as datas de entrega das tarefas, con respecto das establecidas na guía do curso debe solicitárselle a autorización á persoa coordinadora
- Chegados ao final do curso a coordinación poderá permitir o reenvío excepcional de tarefas que sumen ata un 10 % de puntuación aos participantes, que tendo acumulado máis do 70 % non chegan ao 80 % do total das puntuacións, durante a seguinte semana ao remate do curso. A titoría, unha vez recibida a autorización da coordinación, debe informar polo foro de novas a todos os participantes, antes de proceder á ampliación. No caso de cursos con varios grupos / titores, todos deberán proceder por igual.
- A cualificación das tarefas realizarase nas tarefas así como a retroacción correspondente e nunca se fai no cualificador para evitar que se bloqueen cualificacións e non se amose aos participantes a retroacción anotada na propia tarefa (cualificando directamente no cualificador Moodle anula a opción de introducir comentarios nas tarefas configuradas con guía de corrección).
- Chegado o final do curso a titoría enviará unha mensaxe aos participantes a través de foro de novas no que se informe expresamente do día e hora no que remata o prazo para a recepción de tarefas.
- As tarefas e actividades presentadas polos participantes deberán ser orixinais. Se se detectasen tarefas plaxiadas anularanse e perderase a súa puntuación correspondente a elas. No caso de que dúas ou máis persoas presentasen a mesma tarefa a sanción aplicarase a todas elas.
- Reclamación das cualificacións das tarefas e proxecto final.
- A titoría atenderá as reclamacións ás cualificacións das tarefas ou do proxecto final presentadas polos participantes e recibidas mediante a propia aula virtual ou correo electrónico (nunca telefonicamente, por whatsapp, redes sociais etc). É imprescindible deixar constancia escrita da reclamación no propio curso virtual.
- A titoría revisará a cualificación de acordo coas especificacións e criterios de corrección da tarefa ou proxecto final sinalados na propia tarefa ou na guía do tema.
- No caso de modificar a cualificación, responderá ao participante nun prazo non superior ás 48 horas empregando a mensaxaría do curso.
- No caso de ratificar a cualificación, comunicarao ao participante mediante correo electrónico, nun prazo non superior ás 48 horas, no que motivará a cualificación e informará ao participante de que pon en copia á persoa coordinadora.
- A titoría informará á coordinación do curso no foro da coordinación e titorías dos detalles do caso e as súas circunstancias. Deixará rexistro escrito nunha “Nota” do participante, en Participantes > Lista de usuario - Detalles de usuario > Notas > Notas do curso.
- A titoría confeccionará o Informe de seguimento no ecuador do curso e o Informe final unha semana despois se se amplía o prazo da data que conste na Guía do mesmo e en Fprofe; ambos informes elabóranse en Fprofe (Curso > Documentación). Excepcionalmente calquera modificación posterior no Informe final deberá contar coa autorización expresa da coordinación do curso.
- Ao rematar o curso as tarefas cualificables non deben admitir novas entregas. Para iso configúrase a data límite de entrega (Configuración da tarefa > Dispoñibilidade) que deberá ser anterior á data de elaboración pola titoría do Informe final en Fprofe. A titoría bloqueará, así mesmo, o Cualificador (Cualificador > Vista simple > Pechar o cadeado xeral do curso) para evitar cambios accidentais.
- Ao rematar o curso debe responder a enquisa en Fprofe, da que recibirá aviso no correo electrónico.
- Está dispoñible unha listaxe de cotexo, coma ferramenta de axuda na labor da titoría, nos Espazos de apoio > 3 Titorizar. É un documento descargable e editable, para cada curso no que se queira usar.
Departamento de educación dixital
Vostede é libre para:
- Compartir — copiar e redistribuir o material en calquera medio ou formato
- Adaptar — remesturar, transformar, recrear e crear obras derivadas sobre o material
...mesmo con finalidade comercial, baixo as condicións seguintes:
- Atribución— Debe dar o recoñecemento apropiado, fornecer un vínculo á licenza e indicar se se fixeron cambios. Pode facelo de calquera maneira razoábel pero non de maneira que poida suxerir que o licenciante o apoia a vostede ou o seu uso.
- Non comercial — Non pode utilizar este material para propósitos comerciais.
- Compartir Igual — Se vostede remestura, transforma ou recrea sobre o material, debe distribuír as súas colaboracións coa mesma licenza cá orixinal.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0