Edición e procesos de audio básicos.
As funcións de edición no Audacity son moi sinxelas de utilizar. Pero antes de aplicalas, do mesmo xeito que en calquera outro programa, o primeiro é delimitar o seu obxecto, é dicir, seleccionar a parte, anaco, rango ou fragmento da mostra de audio sobre a que queremos traballar. Para eso dispomos de varias ferramentas e posibilidades de selección.
Existen posibilidades de edición moi sinxelas e similares ás de outros programas típicos: cortar, pegar, duplicar, silenciar...pero tamén existen ferramentas propias coas que seguramente non esteamos tan familiarizados. Veremos algún dos efectos máis sinxelos pero que á vez poden mellorar moito os nosos audios.
Sempre que apliquemos algún dos efectos que se describen a continuación temos que facer probas ata conseguir os resultados que buscamos. Cando non nos gusten os cambios podemos desfacer e intentar de novo !!
- Aparecer progresivamente.
O efecto Aparecer progresivamente ( Fade in), utilízase para pasar do silencio ou ruído de ambiente a un son variando a amplitude (e por tanto, o volume) de forma crecente e lineal. O efecto pódese traducir como "aparecer", é dicir, da nada comezar a subir o volume do audio para que entre moi suavemente.
Audacity non permite establecer ningún tipo de parámetros sobre este efecto, de forma que se aplica cuns valores predefinidos polo propio programa. Para aplicar o efecto seleccionamos o anaco de pista ao que o queramos aplicar e iremos ao menú Efecto → Aparecer progresivamente.
- Desvanecer progresivamente.
O efecto Desvanecer progresivamente ( Fade out), utilízase para o caso contrario, é dicir, para pasar dun son a silencio ou a ruído de ambiente variando a amplitude de forma decrecente e lineal.
Do mesmo xeito que o caso anterior, Audacity non permite establecer ningún tipo de parámetros sobre este efecto, de forma que se aplica cuns valores predefinidos polo propio programa ao anaco seleccionado. Para aplicar o efecto iremos ao menú Efecto → Desvanecer progresivamente.
Existe un efecto Desvanecer progresivamente pero a nivel máis profesional. Trátase dun efecto que produce un desvanecemento suave e musical aplicando unha dobre curva ( S- shape) e facendo desaparecer as frecuencias altas un pouco máis rápido que as frecuencias baixas. Deste xeito, prodúcese un desvanecemento na distancia en lugar de soar como un desvancemento mecánico.
Esta técnica é moi utilizada nos estudos de gravación para pistas de CD. Para aplicar o efecto iremos ao menú Efecto → Desvanecer progresivamente de estudio.
- Amplificar.
Para aumentar ou diminuír o volume nunha cantidade específica Audacity dispón do efecto Amplificar (menú Efecto→ Amplificar). Como o seu propio nome indica, o que fai é aumentar (números positivos) ou diminuír (números negativos) o volume da parte seleccionada. Ten dúas opcións:
Amplificación: Indica o número de decibeis ( dB) a aumentar (número positivo) ou diminuír (número negativo).
Permitir recorte: Cando aplicamos efectos podemos alterar a amplitude da onda de son, como ocorre co efecto Amplificar, que permite variar o volume da onda seleccionada. En Audacity, a amplificación prodúcese de forma logarítmica, é dicir, que cando chegue a un determinado limiar de saturación non pasará de aí, e por máis que tentemos amplificar, seguirá soando igual. Audacity calcula o valor máximo que podemos amplificar sen que se produza recorte. Se ademais non está activada a casa Permitir recorte, aínda que poñamos un valor de amplificación que produza recorte, non poderemos aplicalo porque o botón Aceptar estará inactivo. Agora ben, se activamos a opción Permitir recorte, podería ser que a onda final tivese recorte.
Este efecto só se dá cando se amplifica, cando se tenta rebaixar o son diminuíndo os dB non hai problema, debido a que non hai saturación.
- Nivelación automática: O efecto Auto Duck.
O efecto Auto Duck é moi útil no ámbito dos podcast e de narracións onde, ademais da pista da voz (locutor/narrador), temos outra pista cunha base musical (ou, mesmo, outra voz ou voces) cuxo nivel queremos reducir cando o locutor fala, de modo que quede en segundo plano.
Interveñen, entón, dúas pistas:
- Unha pista principal ou de referencia, que é a que determinará onde e como se aplicará a nivelación automática sobre a outra pista.
- Unha pista secundaria sobre a que se aplicará o efecto.
Para aplicar o efecto situamos a pista secundaria (sobre a que se aplicará o efecto) encima da pista principal ou de referencia, seleccionámola e imos a menú Efecto→ Auto Duck. Modificamos os parámetros segundo as nosas preferencias e aplicamos. Observaremos como baixa o volume nas zonas axeitadas.
A continuación temos un video onde podemos de xeito práctico cómo aplicar estes efectos.