Área 2. Libro de contidos
Introdución
Propiedade intelectual e dereitos de autor
Os dereitos de autor protexen a propiedade intelectual dunha creadora ou dun creador sobre as súas obras sempre que estas sexan orixinais. Este concepto abrangue, á súa vez, dúas entidades:
- Dereitos morais
Os dereitos morais son irrenunciables e relacionan a obra co seu autor por atribución do mérito na creación, permitindo decidir se a obra pode ser divulgada íntegra ou parcialmente e de que forma cómpre facelo.
- Dereitos de explotación
Refírense ao dereito de lucro que un autor pode reclamar pola reprodución, distribución e transformación da súa obra. O autor pode renunciar á explotación ou delegala nun terceiro mediante unha prerrogativa que defina as condicións para as que autoriza o seu uso. Esta prerrogativa é o que coñecemos como licenza.

No día a día, cando falamos de dereitos de autor ou propiedade intelectual, en realidade estamos a referirnos aos dereitos de explotación e, por extensión, ás licenzas que regulan o seu uso. O noso deber coma traballadores públicos é facermos un uso ético e respectar as limitacións para cumprir coa lexislación vixente.
Lexislación
Na actualidade a lexislación para educación en canto ao uso ou ligazón de información ou recursos de terceiros é a seguinte:
- Lei 2/2019, do 1 de marzo, pola que se modifica o texto refundido da Lei de Propiedade Intelectual, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 1/1996, do 12 de abril, e polo que se incorporan ao ordenamento xurídico español a Directiva 2014/26/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 26 de febreiro de 2014, e a Directiva (UE) 2017/1564 do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de setembro de 2017. En concreto resulta moi interesante ler o artigo que se refire ao uso de textos no ensino regrado. Art. 32.
- Sentenza do tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE): estableceu, con data 13 de febreiro de 2014, que enlazar páxinas webs non é delito e que non debe pagarse por iso.
Equipo de creación deste curso. Licenzas de uso. CC BY-NC-SA
Como xa suporás, Usuario convidado, existen certas excepcións polas que é lícito empregar unha obra protexida para fins educativos. Os dereitos patrimoniais teñen algúns límites e excepcións, establecidos en España pola Lei de Propiedade Intelectual, que equilibran estes dereitos individuais con outros dereitos colectivos e sociais como son o dereito á cultura, o dereito á información, á educación... Iso si, cómpre remarcar que falamos de excepcións, limitadas a casuísticas moi concretas e cuxos requirimentos deben cumprirse escrupulosamente.

Equipo de creación deste curso. Excepcións da lei a favor da docencia, a investigación e o acceso á cultura . CC BY-NC-SA