Para poder acceder á aplicación abalarMóbil é preciso que o seu número de teléfono estea rexistrado na plataforma XADE (base de datos do centro educativo).
Primeiro acceso
O primeiro paso que debe realizar é o rexistro:
- Introduza o seu número de teléfono móbil e prema en «Enviar».
- Recibirá unha mensaxe cun código que terá que introducir na pantalla correspondente e premer en «Enviar código».
- Na seguinte pantalla solicítase un contrasinal, que será o que utilizará para acceder á aplicación. Deberá escribilo nos dous recadros e premer en «Aceptar».
- Aparecerá unha pantalla na que se indica que o rexistro foi completado correctamente. Para finalizar, soamente é preciso premer en «Continuar» e acceder a abalarMóbil co contrasinal elixido, para poder visualizar os datos do alumno.
Requisitos do contrasinal
O contrasinal de usuario debe cumprir os seguintes requisitos:
- Conter como mínimo 8 carácteres, incluíndo maiúsculas, minúsculas e números.
- Non pode ser igual ao último empregado.
- Non pode estar composto polo DNI nin polo nome ou apelidos do propio usuario.
Teléfono non asociado a ningún alumno
Se lle aparece unha mensaxe indicando que o seu teléfono non está asociado a ningún alumno, é porque o seu número non está rexistrado na plataforma XADE.
Para solucionar este problema, deberá acudir á secretaría do seu centro e solicitar que se actualicen os números de teléfono móbil na súa ficha como responsable do alumno.
Teléfono asociado a máis dun usuario
O número de teléfono móbil que utilice para acceder á aplicación abalarMóbil soamente pode estar asociado a un usuario, é dicir, nin o alumno nin ningún outro responsable pode ter rexistrado ese mesmo número de teléfono.
Para solucionar este problema, deberá acudir á secretaría do seu centro educativo e solicitar que modifiquen os números de teléfono móbil que están asociados ao alumno e/ou aos responsables.
Uso en varios dispositivos
O contrasinal é o mesmo para todos os dispositivos. Unha vez finalizado o rexistro no primeiro dispositivo poderá proceder ao rexistro no seguinte, utilizando o mesmo número de teléfono.
Por motivos de seguridade solicítase un novo contrasinal, que deberá ser diferente aos 5 últimos elixidos. É dicir, se desexa rexistrar máis dun dispositivo, o último contrasinal elixido será o establecido e co que poderá acceder á aplicación desde calquera dos dispositivos.
Se realizou un novo rexistro e aínda conserva activa a sesión dalgún outro dispositivo, deberá volver identificarse co novo contrasinal.
Alumnado maior de idade
Cando o alumnado é maior de idade, xa ten á súa disposición a información a través da app, que pode descargar empregando os seus datos.
Para que as persoas titoras sigan tendo acceso á información académica, á xustificación de faltas e ás demais funcionalidades, o propio centro ten que habilitar a recepción de notificacións desde o sistema de xestión académica (XADE).