Seguimento da actividade do alumnado
Seguimento da actividade do alumnado
A plataforma EVA proporciona ao profesorado a posibilidade de levar un seguimento completo da actividade do alumnado da súa materia. Podemos acceder a esta información desde os seguintes menús:
- Lista de participantes (menú de navegación superior)
- Informes da actividade dun determinado usuario (bloque Administración)
- Informes da materia (bloque Administración)

Participantes
Mostra a lista dos participantes na materia sobre a que estamos traballando.
O profesorado pode atopar información detallada sobre a actividade de cada participante.

Cando seleccionamos Lista de participantes, na parte central da pantalla aparece a listaxe completa dos participantes debaixo dun abecedario que nos serve para filtrar os participantes que estamos vendo pola primeira letra do seu nome ou pola primeira letra do seu apelido. Ademais tamén aparece na parte superior o despregable "Buscar palabra chave ou seleccionar filtro" que podemos usar para filtrar a listaxe que estamos vendo:
- filtrar por rol (profesor, alumno, profesor sen edición, creador da materia ...)
- filtrar por estado (activo, inactivo)
- filtrar por grupo
- filtrar por palabra clave
- filtrar por método de matriculación
Se pulsamos sobre un alumno concreto nesta listaxe,

aparecerán os enlaces para acceder aos informes completos da actividade deste alumno concreto.
Informes da actividade dun alumno
Despois de pulsar sobre un alumno concreto na Lista de participantes, na parte central da pantalla aparecen os enlaces que nos permiten acceder aos informes completos da actividade dese alumno/a en concreto.

Este novo menú que aparece na parte central da pantalla presenta as seguintes opcións:
- Detalles do usuario: mostra a información básica relativa ao perfil do usuario.
- Detalles da materia: mostra información relativa á participación deste usuario en determinados contidos incluídos na materia e o seu rol nela.
- Roles: mostra o(s) rol(es) do usuario na plataforma (neste caso, alumno).
- Varios
- Informes: mostra, por temas, as cualificacións que obtivo o alumno nas distintas actividades incluídas en cada tema, o número de visitas que realizou a cada un dos recursos de cada temas e o número
de intervencións (mensaxes) do alumno nos foros, indicando tamén a data de cualificación e cando foi a súa última visita ou achega.
- Actividade de acceso: mostra información sobre a última vez que accedeu este usuario á plataforma.
