Aspectos xerais do proxecto E-Dixgal
Aspectos xerais do proxecto
Co obxectivo de poñer en marcha un proxecto de educación dixital nos centros educativos galegos, o proxecto E-Dixgal arrancou no curso 2014/2015 co primeiro grupo de centros educativos que decidiron entrar no proxecto.
Para dispoñer de toda a información xeral do proxecto premer nesta ligazón: https://espazoabalar.edu.xunta.gal/e-dixgal
Nos centros educativos, o alumnado e o profesorado traballa nas aulas dixitais. Son aulas que dispoñen dun panel dixital interactivo, dun equipo para o profesor e dun equipo para cada alumno. Ademais as aulas contan con conexión WIFI para que o alumnado e profesorado poida acceder aos contidos dixitais e seguir a actividade educativa na aula desde o seu equipo.
https://eva.edu.xunta.gal

Os docentes poden elaborar a súa propia “mochila dixital” seleccionando a través da plataforma dixital os contidos formativos e incorporar os materiais complementarios que desexen, así como contidos de elaboración propia. Ademais estes centros tamén teñen á súa disposición o repositorio espazoAbalar con máis de 4.000 recursos educativos dixitais complementarios en sete idiomas.
O alumnado pode acceder ao material seleccionado polo profesorado tanto a través dunha conexión a internet (modo online) como desde o seu netbook (modo offline). Deste xeito, garántese que os alumnos e as alumnas que non dispoñan de conexión a Internet nas súas casas, poidan seguir o curso sen dificultade. De feito, todo o avance que realicen sen conexión será sincronizado de maneira automática na plataforma online en canto o equipo do alumno volva ter conexión de rede.
O desenvolvemento desta iniciativa implica, así mesmo, a formación do profesorado e do alumnado. Neste sentido, a formación do profesorado é continua tanto de forma presencial como na modalidade de teleformación, con cursos orientados a cada un dos perfís sobre o uso e vantaxes da plataforma.
O acceso á plataforma virtual de aprendizaxe é posible a través de calquera equipo con conexión a internet sempre que se faga uso das claves de acceso que lle serán entregadas ao alumnado no centro. Porén o/a alumno/a que así o desexe, ten a posibilidade de utilizar tamén na súa casa o seu equipo persoal (ordenador portátil) que emprega na clase, para o que deberá solicitar no seu centro un formulario de cesión do mesmo, que devolverá asinado no prazo máis breve posible.
A utilización do ordenador portátil e das ferramentas e contidos dixitais instalados no mesmo é gratuíta para o alumnado. As familias comprométense a que o alumnado realice un uso axeitado do equipamento informático ao seu coidado e a unha utilización do mesmo vinculada á actividade educativa para a que se lle proporciona.
Estrutura tecnolóxica
O proxecto E-Dixgal está composto por múltiples plataformas interconectadas entre si, de maneira que cada unha delas convértese nunha peza da estrutura do proxecto aportando as súas propias características e funcionalidades.

Alumnado do proxecto E-Dixgal
O proxecto E-Dixgal comenzou inicialmente cun pequeno grupo de centros nos que se puxo en marcha o proxecto nas aulas de 5º de Educación Primaria. No segundo ano do proxecto incorporáronse novos centros e novos niveis educativos.
![]() |
Para consultar a lista de centros que actualmente forman parte do proxecto premer nesta ligazón https://espazoabalar.edu.xunta.gal/e-dixgal/centros-e-dixgal

