|
Xestión de usuarios e grupos
Na tarefa anterior creáronse categorías e álbumes, e subíronse imaxes a álbumes públicos e privados como usuarios administradores da aplicación (co usuario admin).
En principio pode ser suficiente esta forma de traballar, pero pode resultar interesante que sexan outros usuarios non administradores os que suban imaxes á galería do centro, así que nesta tarefa verase como habilitar a posibilidade de que outros usuarios poidan tamén subir imaxes a álbumes de forma compartida sen necesidade que teñan permisos de administración da galería.
Os usuarios de Coppermine agrúpanse en "Grupos" (equivalente ao concepto de roles de Drupal). Todos os usuarios pertencentes a un determinado grupo terán os mesmos permisos na plataforma.
|
|
a) Creación dun usuario e dun álbum persoal
|
Os pasos a seguir son os seguintes:
- Como usuario admin, crear un novo usuario premendo no botón Usuarios e, a continuación, no botón Crear novo usuario:
- Nome de usuario: profesor
- Contrasinal: Poñer como contrasinal profesor.
- O usuario está activo: Ten que estar marcada a opción Si.
- Grupo do usuario: Deixar a opción por defecto que aparece no desplegable: Registered.
- Email do usuario: Neste caso podemos deixalo en branco, aínda que nunha galería dun centro real sería moi recomendable para o caso de esquecer o contrasinal.
- Facer click en Enviar para gardar os cambios.
- Poñer o punteiro do rato por riba do menú Usuarios e na opción emerxente Grupos editar os permisos para o grupo Registered (O grupo Registered en Coppermine é equivalente ao rol usuario autenticado en Drupal. É dicir, usuarios rexistrados que dispoñen dunha conta de usuario na plataforma):
- Eliminar a cuota de 1024 KBytes para o grupo Registered e por 0 no seu lugar. (Sen cuota). Deste xeito non terán límite de almacenamento de arquivos subidos na plataforma.
- Na columna Subida de álbums públicos: Aprobación marcaremos a a opción Non para permitir que os usuarios do grupo Registered podan engadir directamente ficheiros a álbumes públicos sen necesidade de aprobación por parte dun administrador:
- No caso de marcar a opción Aprobación: Si, a imaxe que suba o usuario profesor non será publicada ata que o administrador o autorice).
- Na columna Galería persoal, deixaremos as opcións por defecto que permiten que estes usuarios teñan unha Galería Persoal e que podan subir aquivos directamente a ela: Permitido: Si, Aprobación:Non.
- Facer click en "Aplicar cambios" para gardar a nova configuración.

Unha vez configurados os pasos anteriores, realizar o seguinte:
- Pechar sesión como admin e iniciar unha nova sesión co usuario profesor.
- Crear un álbum na galería persoal do usuario profesor, na categoría A miña galería co voso nome e apelidos. Para iso:
- Poñer o punteiro do rato por riba do menú O meu perfil e facer click na opción emerxente Crear / ordenar os meus álbums
- Fixarse que a única categoría dispoñible é A miña galería. Premer en Novo álbum. (*)
- Premer no álbum creado para seleccionalo e despois en Propiedades do álbum.
- Configurar o álbum para que sexa público: O álbum pode ser visto por --> Todos álbum público, sen especificar ningún contrasinal.
- Premer en Subir ficheiro para engadir a imaxe 5.gif que podedes atopar en Imaxes para a realización das tarefas. Observar que a aplicación só permite subir a imaxe ao álbum creado como álbum persoal.
- Pechar sesión e comprobar que os usuarios anónimos poden visualizar este novo álbum das galerías de usuarios coa imaxe subida.
(*) Os administradores poderían permitir que os usuarios do grupo Registered creasen álbumes en categorías xa creadas previamente diferentes á galería persoal do usuario. Por exemplo, para permitir que creasen álbumes na categoría 2021-22 habería que editar a categoría e facer clic na opción:
- Grupo(s) autorizado para crear álbums nesta categoría: Marcar a opción Registered de xeito que quede resaltada en azul e gardar os cambios en Actualizar/Crear categoría.

|
|
b) Permisos para publicar de forma compartida no mesmo álbum
|
Os pasos a seguir son os seguintes:
Neste apartado permitirase que o usuario profesor poida subir ficheiros ao álbum público Magosto creado na tarefa anterior polo usuario admin, pertencente á categoría Curso 2021-22.
O usuario profesor pertence ao grupo Registered, para o cal xa se estableceron antes os permisos necesarios. Agora cumprirá dar permisos no álbum correspondente (Magosto). Para iso:
- Identificarse como administradores co usuario admin:
- Premer en Ficheiros > Álbums.
- Seleccionar a categoría 2021-22 e premer no álbum Magosto para seleccionalo.
- Premer no botón Propiedades do álbum.
- No apartado Permisos para este álbum:
- Visitantes poden subir ficheiros: SI. O termo "Visitantes" parece dar a entender que se permitirá subir fotos a calquera usuario anónimo e non é así, xa que os permisos dos visitantes dependen do grupo ao que pertenzan. Para o caso do grupo Guest, ao que pertencen os usuarios non autenticados, non debe ter permisos para subir ficheiros.
- Non marcar o check Protexer con contrasinal este álbum para evitar que se convirta en privado.
- Premer en Actualizar álbum para gardar os cambios.

Unha vez realizados os pasos anteriores:
- Pechar sesión como admin e identificarse co usuario profesor.
- Premer en Subir ficheiro.
- Seleccionar o álbum Magosto da categoría Curso 2021-22. Engadir a imaxe 6.gif (Trátase dun gif animado).
- Realiza unha captura de pantalla na que se visualice que se está a traballar co usuario profesor e se selecciona o álbum Magosto para subir a imaxe 6.gif.
- Gardar os cambios.
- Pechar sesión. Comprobar que como visitante anónimo poden verse todas as imaxes do álbum Magosto incluída a que acabamos de subir.
- NOTA: Isto é así porque no apartado a) da tarefa indicouse para o grupo Registered a opción: Subida de álbums públicos--> Aprobación Non. No caso de ter marcada a opción Aprobación: Si, sería preciso a aprobación dun administrador para que os ficheiros fosen visibles. No seguinte enlace podes ver a documentación de como se faría.
|
|
Última modificación: sábado, 20 de abril de 2024, 5:43 PM