Level up!
1. Introdución
O engadido Level up! proporciona puntos de experiencia (xp) aos estudantes dun curso a medida que participan no mesmo realizando diferentes actividades e consultando os recursos.
O progreso de cada estudante indícase cun nivel determinado, que vai subindo a medida que aumentan os puntos de experiencia que acumula.
O cálculo dos puntos e a súa relación cos niveis é totalmente personalizable aínda que Level up! xa trae unha configuración por defecto cando se engade á aula virtual.
Cómpre ter en conta que en Moodle cada unha das interaccións dun usuario concreto cun determinado elemento dun curso chámase evento e o engadido detecta precisamente estes eventos de usuario convertíndoos en puntos xp segundo unhas regras concretas.
Algúns eventos cos que traballa Level up! son os coñecidos como CRUD e teñen que ver coas accións de creación (Create), lectura (Read), actualización (Upgrade) ou borrado (Delete) de elementos do curso. Escribir unha nova entrada nun foro, facer un cuestionario ou completar unha tarefa son eventos que implican crear (C) e reciben 45 puntos por defecto; consultar o curso, entrar nun foro ou nunha páxina ou descargar un arquivo son eventos de lectura (R) que reciben 9 puntos; editar unha entrada anterior dun foro ou dunha tarefa, ou marcar un completado manual son actualizacións (U) polas que se obteñen 3 puntos. Como veremos estas reglas poden manterse ou cambiarse para adaptalas ó desenvolvemento do noso curso.
Coa incorporación de Level up! créase ademais un novo apartado nas restricións que
permitirá establecer condicións en canto ao nivel
necesario para poder acceder a un tema, a unha actividade ou a un
recurso determinado.