Stash

1. Introdución a Stash

Stash é un engadido que permite utilizar obxectos en forma de imaxes que se colocan estratexicamente en calquera sitio da aula virtual creado co editor de texto (etiqueta, páxina, realimentación...).

Cando os estudantes atopan os obxectos estes incorpóranse ó seu bloque, que funciona como unha mochila dixital. Poden simplemente acumulalos ata conseguir os beneficios que determine o docente, cambialos por outros ou utilizalos para completar as restricións dalgunha actividade ou recurso.

En xeral é habitual usar os obxectos para animar aos estudantes a facer actividades concretas unha ou varias veces: escribir nun foro, realizar un cuestionario, actualizar unha wiki...

O proceso para utilizar Stash é o seguinte:

- Engadir o bloque do mesmo nome ó noso curso.

- Configurar o bloque achegando as imaxes dos obxectos e obtendo o código para inserilas no curso.

- Introducir o código nas posicións desexadas: sitios que queremos que o alumnado visite con frecuencia ou restrinxidos.

- Definir os posibles intercambios de obxectos (se queremos permitilos) e mostralos aos estudantes.

Coa incorporación de Stash créase un novo apartado nas restricións que permitirá establecer condicións en canto ao número de obxectos necesarios para poder acceder a un tema, a unha actividade ou a un recurso determinado. A combinación de todos estes elementos permite desenvolver estratexias de xogo máis ou menos complexas segundo a pericia no deseño.