Usuarios e roles. Permisos


Co fin de facilitar a xestión de usuarios en Drupal, os usuarios da plataforma agrúpanse en roles, de xeito que todos os usuarios pertencentes a un determinado rol teñen os mesmos permisos.

Ademais, un mesmo usuario pode pertencer a varios roles, o que proporciona unha gran flexibilidade na asignación de permisos. No caso de pertenza a varios roles, o usuario disporá da suma de todos os permisos concedidos a cada un dos roles que teña asignados.

En Drupal existen dous roles de usuario por defecto denominados usuario autenticado e usuario anónimo, que non se poden eliminar:

  • Rol de usuario anónimo, propio do usuario que accede á plataforma sen introducir un nome de usuario e contrasinal. 
  • Rol de usuario autenticado: inherente a todos os usuarios que acceden á plataforma a través dunha conta introducindo o seu nome de usuario e contrasinal. 

Os sitios web corporativos do proxecto Webs Dinámicas incorporan a maiores os seguintes roles:

  • Administrador: Ten habilitados por defecto todos os permisos dispoñibles na plataforma. Os centros educativos dispoñen dun usuario admin, inicialmente desactivado, pertencente ao rol administrador.
  • Xestor: Ten un dobre conxunto de permisos:
    • Por unha banda, pode crear usuarios e asignar roles (agás o rol de administrador).
    • E por outra, pode personalizar o sitio web sen tantas opcións como un usuario do rol administrador.
  • Editor principal: Pode crear, modificar ou borrar tanto os seus propios contidos como os contidos xerados por outros usuarios do sitio web. 
  • Editor do contido: Unicamente pode crear, modificar ou borrar os seus propios contidos. Só pode publicar en determinados apartados da web, establecidos previamente por un usuario administrador ou xestor do sitio.
  • Convivencia: Unicamente os usuarios deste rol poden acceder aos rexistros do punto laranxa, formulario web no que o alumnado pode denunciar casos de acoso escolar. O acceso a estes rexistros é moi restrinxido, xa que se trata de información de carácter confidencial protexida por protección de datos. Normalmente corre a cargo do orientador ou orientadora do centro.


👉 Os usuarios admin e xestor + editor principal do sitio web:
  • Desde o proxecto Webs Dinámicas facilítase inicialmente aos centros educativos que solicitan a alta do seu sitio web na nova versión de Drupal, un usuario coa combinación de roles: xestor + editor principal completamente operativo para:
    • Traballar na personalización do sitio e na creación de novos usuarios (a través dos permisos do rol xestor).
    • Crear, editar e borrar calquera contido publicado no sitio web con independencia do seu autor (a través dos permisos do rol editor principal).
  • Pódese entender a combinación de roles xestor + editor principal como un rol "administrador sinxelo", que será suficiente para as operacións cotiás na meirande parte dos centros educativos.
    • Con independencia do anterior e de consideralo necesario, os centros educativos poden solicitar a activación do usuario admin co rol administrador ao seu asesor ou asesora Abalar de zona.
  • Unicamente os usuarios co rol administrador da plataforma poden crear novos roles e establecer os permisos para cada un deles.


Creación dun novo usuario


A xestión de usuarios realízase desde a ruta Xestionar > Persoas. 

  • Despregarase a relación de usuarios do sitio web, con indicación do seu estado (activo/bloqueado), roles asignados, tempo desde que se creou a conta (membro durante) e último acceso á plataforma.
  • Premer en +Engadir usuario/a
    • Enderezo de correo electrónico: Especificar unha conta de correo para o usuario (do tipo @edu.xunta.gal)
    • Nome de usuario/a: Debe evitarse o emprego de usuarios xenéricos.
    • Contrasinal: será necesario introducila por duplicado.
    • Estado: Activo (o usuario pode acceder á web). En caso de estar bloqueado, a conta permanecerá suspendida ata que volva a activarse, polo que o usuario non poderá iniciar sesión na plataforma.
    • Roles: Marcar os roles que se asignarán ao usuario creado. Observar que xa aparece marcado por defecto o rol usuario autenticado.
    • Notificar ao/á usuario/a da nova conta: Permite que a plataforma envíe un correo ao enderezo especificado advertindo da creación da conta.
    • Imaxe: Permite subir unha imaxe de avatar para o usuario.
    • Opcións de idioma > Idioma do sitio web: Aínda que cada usuario pode establecer o seu propio idioma no perfil, recoméndase deixar o galego por defecto.
    • Opcións de contacto > Formulario de contacto persoal: Permite habilitar un formulario de contacto persoal para que o resto de usuarios da plataforma podan poñerse en contacto co usuario.
    • Crear nova conta

usuarios

usuarios

Máis usuarios


  • O novo usuario será visible a través da ruta Xestionar > Persoas e xa poderá acceder á platafoma.



👉 Recomendacións sobre a creación de usuarios:
  • A creación de usuarios no novo modelo de web con Drupal 10 para centros educativos deberá estar vinculada a contas persoais de correo corporativas do tipo @edu.xunta.gal
  • Debe evitarse o emprego de usuarios xenéricos. Unha proposta para facilitar e unificar criterios de creación de nomes de usuario é empregar o mesmo que na conta de correo persoal corporativa (o que vai antes de @edu.xunta.gal).
  • O rol recomendado para o profesorado que só vaia publicar contidos na web será Editor de contido.
Última modificación: sábado, 24 de xaneiro de 2026, 8:02 PM