A web do centro: Drupal


Desde o seu inicio, o proxecto Webs Dinámicas proporciona aos centros educativos públicos de Galicia un sitio web baseado en Drupal.

  • Con carácter xeral, a versión operativa de Drupal na maioría dos centros educativos é a 6, cun enderezo xenérico do tipo https://www.edu.xunta.gal/centros/nome-do-centro.
  • Desde o inicio do curso académico 2025-26 está dispoñible un novo modelo de web coa versión 10 de Drupal, cun enderezo xenérico do tipo https://centros.edu.xunta.gal/nome-de-centro.
  • Os centros educativos poden solicitar a incorporación á nova versión de Drupal a través da asesoría Abalar da súa zona ou enviando directamente un correo a websdinamicas@edu.xunta.gal desde a conta oficial corporativa do centro.
  • Cómpre destacar que a solicitude de cambio da web de Drupal 6 a Drupal 10 non supón a migración da información existente, senón a creación dun novo espazo web baleiro de contidos e usuarios cunha estrutura predefinida que os centros poden adaptar e personalizar.

    • Deste xeito, ambos sitios web poden convivir durante un tempo para facilitar a migración manual dos contidos ao novo sitio web.
    • Unha vez completada a migración, procederase ao redireccionamento automático da URL da antiga web ao novo espazo.
  • Os centros que opten por continuar coa versión 6, que seguirá operativa e con soporte, serán acometidos nunha segunda fase para a que aínda non hai data.
  • Os centros educativos contarán en todo momento co apoio do persoal asesor Abalar de zona correspondente para a posta en marcha e o mantemento dos seus sitios web, con independencia da versión de Drupal.


Vantaxes da nova versión de Drupal


  • A principal razón para solicitar o cambio de versión de Drupal é a óptima visualización en dispositivos móbiles (sitios web responsivos), de xeito que o contido se adapta perfectamente en función do dispositivo co que se está a visualizar (PC, tablet, móbil...), ademais dunha interface visualmente máis moderna e atractiva.
  • O deseño do novo modelo de sitio web axústase de xeito rigoroso ás esixencias do manual de identidade corporativa para centros educativos de Galicia  e ás directrices da Oficina de Coordinación Web da AMTEGA, proporcionando así un aspecto máis institucional e unificado aos sitios web dos centros educativos.


Administración do novo sitio web


  • Co fin de facilitar o traballo coa nova plataforma, os centros que soliciten a alta na versión 10 de Drupal disporán inicialmente dun usuario con permisos de administración limitados pero suficientes para realizar os labores habituais de xestión do sitio web, tanto a nivel de estrutura como de contidos e usuarios. 

    • En Drupal 6, todos os centros educativos dispoñían dun usuario admin, pertencente ao rol administrador, con permisos totais de administración da plataforma e, polo tanto, con todas as opcións de configuración dispoñibles, o que en moitas ocasións podía resultar confuso e excesivo pola cantidade e complexidade das mesmas.
    • En calquera caso, de consideralo necesario, os centros poderán solicitar o usuario admin con permisos globais de administración do seu sitio web en Drupal 10 a través da asesoría Abalar de zona correspondente.



Neste curso da aula aberta do proxecto Webs Dinámicas irase publicando documentación sobre a nova versión de Drupal, tomando sempre como referencia os permisos de administración establecidos por defecto para o usuario anteriormente mencionado.

Última modificación: venres, 23 de xaneiro de 2026, 9:05 PM