O novo modelo de web para centros educativos


A páxina principal do novo modelo de web para centros educativos presenta a seguinte estrutura:

  1. Zona de cabeceira: Incorpora os seguintes elementos:
      • Logo corporativo: premendo nel accederase á páxina de inicio do sitio web. O logo debe seguir as directrices establecidas no manual de identidade corporativa para centros educativos, polo que debe incluír o nome do centro.
      • Menú de navegación principal do sitio: Incorpora unha serie de elementos que, segundo a configuración, poden actuar como hipervínculos ou elementos despregables.
        • Os elementos despregables identifícanse de xeito sinxelo por incorporar un pequeno cursor ou frecha no lado dereito.
        • O enlace Inicio, ao igual que o logo, leva a páxina principal do sitio.
        • Os elementos que actúan como menús ou submenús poden ser ligazóns estáticas, apuntando a unha determinada URL, ou termos de taxonomías, o que permite "clasificar" contidos que teñan a mesma etiqueta e amosalos deste xeito no menú de navegación principal.
      • Buscador de contidos publicados na web: permite realizar buscas de contidos publicados na web.
      • Menú hamburguesa: proporciona acceso á pantalla de inicio de sesión. Tamén permite acceder ás opcións do menú de navegación principal en formato vertical.
  2. Zona de destaques: Xusto por debaixo do menú principal atópase a zona de destaques, constituída por un carrusel automático de imaxes que ocupan todo o ancho da pantalla. Un usuario administrador da plataforma pode configurar o tempo e tipo de transicións entre imaxes. No centro de cada imaxe, incorpórase un título sobre un fondo semitransparente relativo á imaxe do carrusel.
    • Nos extremos esquerdo e dereito do carrusel existen unhas frechas que permiten moverse de xeito manual a través das distintas imaxes do mesmo. Adicionalmente, na parte inferior, uns cursores identificativos proporcionan información relativa á imaxe actual en relación co número total de imaxes que conforman o carrusel.
    • Un destaque é un tipo de contido configurado inicialmente para que apareza só na páxina de inicio do sitio. Por esta razón, o seu emprego é recomendable para a páxina de benvida do centro e para avisos moi relevantes, pola súa gran visibilidade.
      • Non se recomenda ter un gran número de destaques activos, xa que poderían pasar desapercibidos para o usuario polo tempo de espera entre as imaxes do carrusel.
    • Premendo sobre a imaxe do carrusel accédese ao contido completo.
  3. Zona de novas: despois da zona de destaques atópase a zona de novas. A efectos prácticos na nova web, unha nova é un tipo de contido artigo promocionado á páxina principal.
    • A zona de novas está configurada como unha vista paxinada, de xeito que se evita a acumulación na páxina principal dun número indefinido de envíos, cun dobre obxectivo:
      • Diminuír o tempo de carga da páxina principal.
      • Favorecer unha mellor usabilidade, evitando ás persoas usuarias o efecto incómodo de desprazamento cara á parte inferior da páxina para poder proceder á súa visualización.
    • Para favorecer unha apariencia visual máis atractiva, todas as novas incorporan de xeito obrigatorio unha imaxe.
      • O sistema ofrecerá unha imaxe predefinida no caso de querer publicar un contido sen incorporar unha nova imaxe.
      • Na parte inferior de cada imaxe aparecerá o título e contido recortado de cada artigo. Premendo sobre o título ou sobre a imaxe accederase á información completa do contido.
    • A configuración inicial amosará as 8 novas máis recentes. En caso de existir máis, aparecerán paxinadas.
  4. Zona de logos internos: A continuación da zona de novas, a zona de logos internos permite incorporar bloques con imaxes que poden actuar como hipervínculos a direccións URL relativas ao propio centro. Os centros poden personalizar os seus logos, que actuarán como accesos directos visualmente atractivos (Aula virtual, Punto Laranxa...).
  5. Zona de logos externos: Situada a continuación da zona de logos internos, o seu funcionamento é idéntico á zona de logos internos, pero inicialmente enfocado a enlaces externos ao propio centro educativo (espazoAbalar, Bibliotecas Escolares de Galicia...)
  6. Zona de redes sociais: A continuación da zona de logos internos e externos do centro, a zona de redes sociais incorpora unha serie de iconas que permiten enlazar coas diferentes redes sociais máis habituais no caso de que o centro dispoña delas.
  7. Pé de páxina: Incorpora información relativa ao mapa do sitio, accesibilidade, aspectos legais, contacto e nome do centro. 

A seguinte imaxe amosa o aspecto das zonas anteriormente referenciadas nos novos sitios web. É importante familiarizarse coa terminoloxía empregada e a ubicación de cada zona.

 

Modelo con anotacións

Última modificación: viernes, 23 de enero de 2026, 21:11