Sistemas de matriculación
Xestión e configuración dos sistemas de matriculación: Matriculacións manuais; Automatriculación; Círculos; Acceso como convidado.
2. Configuración dos complementos de matriculación
Cada sistema de matriculación ten o seu propio formulario de configuración, no que hai duas partes. Unha primeira na que se definen uns parámetros xerais do complemento e outra parte na que se definen os parámetros de configuración por defecto para cando se engada unha instancia do sistema a un curso.
Como vimos na páxina anterior, na ruta Administración do sitio > Engadidos > Matriculacións: Xestionar os complementos de matriculación accedemos a un formulario cos distintos sistemas e cada un ten un enlace Configurar polo que acceder á súa configuración, ademais, na ruta Administración do sitio > Engadidos > Matriculacións temos un enlace para acceder directamente á configuración de cada un dos sistemas de matriculación.
Neste capítulo imos ver só algúns dos parámetros de configuración de cada un dos sistemas:
Configuración do sistema: Acceso como convidado
Coma se dixo antes, este sistema serve para permitir que usuarios non rexistrados na aula virtual podan entrar nun curso e ver o seu contido pero sen participar, é dicir, sen escribir nos foros, enviar tarefas, ser avaliado, etc. Esta é a forma de facer un curso aberto ao publico xeral.
Existe un xeito de que o curso estea dispoñible para usuarios que non están rexistrados na aula virtual pero que non poda entrar todo o mundo senón só quen coñeza unha chave e acceso. Así, se configuramos unha chave de acceso para o acceso como convidado nun curso concreto, só as persoas que a coñezan poderán entrar no curso. O profesor/a do curso deberá facilitar esta chave a quen quera permitir o acceso como convidado ao curso.
No formulario de configuración deste sistema en Administración do sitio > Engadidos > Matriculacións: Acceso como convidado, que vemos nesta imaxe, temos as seguintes opcións que explicamos a continuación:

Figura 1: Configuración do sistema de Acceso como convidado.
- Requerir contrasinal de acceso a convidados. Se activamos esta opción, será obligatorio que se configure unha chave de acceso nos cursos novos e nos cursos existentes aos que se engada unha instancia deste sistema de matriculación. Naqueles cursos que xa tiñan esta chave configurada, está non se poderá eliminar. Nos cursos existentes que xa tiveran unha instancia deste sistema pero que non tiveran chave de acceso, poderán seguir sen tela.
- Utilizar a norma de contrasinais. Obliga a que a chave de acceso como convidado cumpla con requisitos establecidos para as contrasinais de usuarios (en Administración do sitio > Seguranza: Politicas do sitio -> Política de contrasinais). Non se recomenda activar esta opción.
- Amosar pista. Amosa a primeira letra da chave aos convidados cando tentan entrar.
- Engadir instancia aos novos cursos. Con esta opción activa (por defecto) todos os cursos novos levarán unha instancia deste sistema de matriculación, pero será logo o profesor o que decida se o activa ou non, para permitir ou non o acceso a convidados.
- Permitir o acceso a convidados. Se poñemos Si nesta opción, cando se engada a un curso unha instancia deste sistema, esta estará activa e polo tanto permitirá o acceso a convidados. A combinación desta opción e a anterior (ambas activas) é o xeito de facer que todos os cursos novos da aula virtual queden por defecto abertos a convidados.
- Avanzado. Se marcamos esta opción, no formulario de configuración dos cursos, a opción para marcar se o curso permite ou non o acceso a convidados non aparecerá directamente senón que haberá que pinchar nun enlace "Avanzado" para poder velo.
Configuración do sistema: Matriculacións manuais
Este é o sistema que permite que o profesor/a dun curso matricule manualmente ao seu alumnado, ou que un administrador ou xestor asigne o rol de Profesor/a a un usuario no curso.
Neste caso imos ver só algúns dos seus parámetros de configuración na ruta Administración do sitio > Engadidos > Matriculacións: Matriculacións manuais:
- Engadir instancia aos novos cursos. Con esta opción activa (por defecto) todos os cursos novos levarán unha instancia deste sistema de matriculación, para que o administrador ou o xestor poda asignar quen é o profesor/a e logo este poda matricular manualmente ao alumnado se así o desexa.
- Activar as matriculacións manuais. Se nunha instancia deste sistema de matriculación nun curso, desactivaramos esta opción, os usuarios que estiveran inscritos no curso con este sistema non poderían acceder ao curso.
- Rol predeterminado. Será o rol que nos ofrecerá por defecto o formulario para inscribir manualmente usuarios no curso. Normalmente ponse Alumnado por defecto porque a maior parte dos participantes no curso serán estudantes.
Configuración do sistema: Automatriculacións
O sistema de automatriculación permite que os usuarios que coñezan unha chave de matriculación dun curso podan matricularse por si mesmos no curso. Este sistema é moi importante porque pode quitar moito traballo ao profesorado. O profesor/a dun curso activa este sistema no que establece unha palabra chave que di aos alumnos/as, entón estes inician sesión co seu usuario e ao tentar entrar nese curso introducen a chave de matriculación facilitada polo profesor/a quedando así matriculados no curso. Pódense tamén establecer chaves de matriculación a nivel de grupos dun curso de xeito que se un usuario se inscribe utilizando a chave de matriculación dun grupo, non só queda matriculado no curso senón que queda asignado ao grupo desa chave.
Accedemos ao formulario de configuración deste sistema de matriculación pola ruta Administración do sitio > Engadidos > Matriculacións: Automatriculación:
- Require chave para matriculación. Se activamos esta opción, será obligatorio que se configure unha chave de matriculación nos cursos novos e nos cursos existentes aos que se engada unha instancia deste sistema de matriculación. Naqueles cursos que xa tiñan esta chave configurada, está non se poderá eliminar. Nos cursos existentes que xa tiveran unha instancia deste sistema pero que non tiveran chave de acceso, poderán seguir sen tela. Este sistema de matriculación pódese utilizar sen chave, aínda que esto non é moi recomendable xa que entón calquera usuario da aula virtual podería matricularse no curso aínda que non lle corresponda.
- Utilizar a norma de contrasinais. Obliga a que a chave de matriculación cumpla con requisitos establecidos para as contrasinais de usuarios (en Administración do sitio > Seguranza: Politicas do sitio -> Política de contrasinais). Non se recomenda activar esta opción.
- Amosar un consello. Amosa a primeira letra da chave aos usuarios cando tentan matricularse.
- Engadir instancia aos novos cursos. Con esta opción activa (por defecto) todos os cursos novos levarán unha instancia deste sistema de matriculación, pero será logo o profesor o que decida se o activa ou non, para permitir ou non que os usuarios se matriculen por si mesmos.
- Activar as matriculacións existentes. Se desactivamos esta opción nunha instancia deste sistema nun curso, os usuarios matriculados mediante ela deixarán de poder acceder ao curso.
- Permitir novas matriculacións. Se desactivamos esta opción nunha instancia deste sistema nun curso, non se poderán matricular no curso máis usuarios mediante esta instancia do sistema, pero os xa matriculados poderán seguir accedendo. Utilizaremos esta opción para pechar a matrícula.
- Utilice chaves de matriculación de grupo. Se activamos esta opción, no canto de establecer unha chave de matriculación única para o curso, deberemos establecer unha chave distinta para cada un dos grupos do curso. Con esto, os usuarios que se matriculen no curso coa chave dun grupo do curso quedarán matriculados no curso e asignados a ese grupo. Este é un xeito de ter ao alumnado matriculado no curso e separado en grupos, sen que teña que facelo manualmente no profesor/a.
- Asignación de rol predeterminado. Será o papel que se asigne no curso aos usuarios que se matriculen nes mediante a instancia deste sistema. Normalmente será o rol de Alumnado pero tamén podemos utilizar este sistema para que se inscriban usuarios con outro rol.
Configuración do sistema: Sincronizar círculo
O sistema de matriculación mediante círculos é novidade en Moodle 2, e supón unha ferramenta moi importante para a xestión do alumnado da aula virtual, xa que permite proxectar os grupos de alumnado do centro educativo sobre a aula virtual.
Accedemos ao formulario de configuración deste sistema de matriculación pola ruta Administración do sitio > Engadidos > Matriculacións: Sincronizar círculo:
- Rol predeternimado. Será o papel por defecto co que se matricularán no curso os usuarios do círculo sincronizado.
- Acción de desmatriculación externa. Que se fai cando un usuario é sacado dun círculo que esta sincronizado co curso. Temos dúas opcións: ou desmatricular ao usuario do curso, o que supón que se perde toda a información relativa á participación dese usuario no curso; ou desactivar a matriculación e retirar os roles, o que supón que o usuario non poderá entrar no curso nin recibirá ningunha información relativa ao mesmo, pero non se perderá a información sobre a súa participación.