Xustificación lexislativa

As actuais disposicións legais que regulan o currículo das etapas educativas na nosa Comunidade Autónoma propoñen, con carácter xeral, a selección de metodoloxías variadas, axeitadas ás características e ritmos de aprendizaxe do alumnado garantindo así a igualdade de oportunidades e asegurando que cada alumno e alumna vai adquirindo progresivamente maiores niveis de desempeño competencial e avanzando cara ao máximo desenvolvemento das súas potencialidades, favorecendo a capacidade de aprender por si mesmo e promovendo o traballo colaborativo e en equipo.

O Decreto 330/2009, do 4 de xuño, polo que se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia aconsella deseñar propostas didácticas que terán como punto de partida situacións globais de distinta natureza (conflitos, problemas, cuestión sociais, situacións comunicativas, etc) e estarán organizadas en secuencias de aprendizaxe, proxectos ou unidades didácticas.

A partir deste tipo de propostas, o alumnado poderá facer propostas, tomar decisión e organizar a súas propias accións. Acadar consensos, plantexar os interrogantes pertinentes e buscar as respostas axeitadas, investigar e experimentar cos obxectos no espazo e co tempo, etc permítelles afondar nas relacións sociais e na interacción co entorno mellorando a súa seguridade e autoestima.

 No caso da Educación Primaria e a Educación Secundaria Obrigatoria, tanto o Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia como o Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, recomendan potenciar unha aprendizaxe por competencias seleccionando metodoloxías que permitan integrar os elementos do currículo a través do desenvolvemento de tarefas e actividades encamiñadas á resolución de problemas en contextos da vida real. O enfoque metodolóxico debe sustentarse no deseño de actividades de aprendizaxe integradas que lle permitirán ao alumnado avanzar cara aos resultados de aprendizaxe en máis dunha competencia ao mesmo tempo. Partirase dunha metodoloxía activa e participativa, favorecedora do traballo individual e cooperativo do alumnado. Estas actividades de aprendizaxe integradas implican a realización de tarefas en contextos concretos, educativos, sociais e profesionais, e nos que a finalidade sexa o logro dun produto ou dun desempeño eficaz. Do mesmo xeito, facilitan a personalización dos procesos de ensino aprendizaxe, á atención á diversidade do alumnado e o seu acceso á educación común.

 No deseño das situacións de aprendizaxe deben considerarse todos os elementos do currículo pero cobran especial interese os procedementos de avaliación que terán un carácter formativo e formador. Os procedementos e instrumentos de avaliación, así como os criterios de cualificación permiten avaliar tanto os resultados de área como o nivel competencial alcanzado polo alumnado.

Obra publicada con Licencia Creative Commons Reconocimiento Compartir igual 4.0