As Unidades Didácticas Integradas propostas no apartado correspondente, responden aos principios do Deseño Universal da Aprendizaxe (DUA), definido pola Convención da ONU como o “deseño de produtos, contornos, programas e servizos que poidan empregar todas as persoas, na maior medida posible, sen necesidade de adaptación nin deseño especializado”.
A educación inclusiva debe incorporar os seus principios básicos:
- Proporcionar múltiples medios de representación.
- Proporcionar múltiples medios de acción e expresión.
- Proporcionar múltiples medios de motivación e compromiso.
As diferentes tarefas contidas nas UDIs poden desenvolverse combinando as metodoloxías didácticas descritas a continuación:
- Aprendizaxe baseada en proxectos: supón a mellor garantía didáctica para a contribución ao axeitado desenvolvemento das competencias clave e á aprendizaxe dos contidos do currículo. Permite ao alumnado a adquisición dos coñecementos e das competencias clave precisas a través da elaboración de proxectos que dan resposta a problemas da vida real.
- Aprendizaxe e Servizo (ApS): combina procesos de aprendizaxe e de servizo á comunidade nun único proxecto ben articulado no que se traballa sobre necesidades reais da contorna co fin de mellorala, tendo en conta tres elementos clave como son a necesidade social claramente identificada, o servizo real á comunidade e a aprendizaxe de contidos, valores, competencias… ligadas ao currículo. Os ámbitos nos que se pode deseñar unha acción de ApS son variados e abarcan dende a promoción da saúde, a conservación do patrimonio ou do medio ambiente, relacións interxeracionais, etc. Esta metodoloxía de traballo supón tamén o contacto e a cooperación necesaria con entidades socias que traballen no ámbito escollido. O punto de partida sempre debe estar ligado ao contexto de cada centro e a detección dunha necesidade real, a planificación dun proxecto que implique o contacto coas entidades sociais e a programación dun servizo así como a previsión das aprendizaxes a realizar e a súa avaliación.
- Aprendizaxe cooperativa: a súa principal característica é a estruturación en base á formación de equipos, de entre 3 e 6 participantes. Cada un deles asume unha responsabilidade que lles permite interactuar e traballar de xeito coordinado para acadar os compromisos e obxectivos, individuais e colectivos, previamente determinados.
- Aprendizaxe colaborativa: a diferencia da anterior é o propio alumnado quen estrutura as interaccións e organiza o traballo. A relación fundaméntase no compromiso persoal e na vontade de participar.