Marco lexislativo

No ano 2011 a Comisión Europea aprobou por primeira vez un Marco Europeo para a Integración dos xitanos ata 2020 e como consecuencia, todos os países da Unión Europea tiveron que elaborar as Estratexias Nacionais de Integración dos Xitanos. Nesta liña, en España estase a desenvolver a Estrategia Nacional para la Inclusión Social de la Población Gitana en España, 2012-2020 e, en Galicia, Estratexia de Inclusión Social de Integración da Poboación Xitana en Galicia, 2014-2020, na que se identifican as claves da integración das persoas xitanas e as áreas onde é necesario incidir:

  • A Educación, para cortar a fenda de transmisión xeneracional da pobreza e propiciar un cambio no futuro.
  • A Formación e o Emprego.
  • A Vivenda e a Saúde.

A fundamentación desta proposta inclusiva ten como punto de partida os seguintes documentos:

Declaración Universal dos Dereitos Humanos

A Declaración Universal dos Dereitos Humanos (1948, art.26), recolle que "Toda persoa ten dereito á educación... e que esta dirixirase ao pleno desenvolvemento da personalidade e a fortalecer o respecto aos dereitos humanos e ás liberdades fundamentais...".

Convención sobre os Dereitos da Infancia

A Convención sobre os Dereitos da Infancia (1989, art. 23.3), establece o compromiso e a obriga dos Estados na educación. “En atención ás necesidades especiais do neno [...] estará destinada a asegurar que o neno impedido teña un acceso efectivo á educación, á capacitación, aos servizos sanitarios, aos servizos de rehabilitación, á preparación para o emprego e ás oportunidades de esparcemento e reciba tales servizos co obxecto de que o neno acade a integración social e o desenvolvemento individual, incluído o seu desenvolvemento cultural e espiritual, na máxima medida posible”.

Conferencia Mundial sobre Educación para todos

Esta conferencia celebrada en Jomtiem (Tailandia, 1990), recoñece que “existe un compromiso internacional para satisfacer as necesidades básicas da aprendizaxe de todos os individuos, e universalizar o acceso e promover a equidade”.

Declaración de Salamanca

A Declaración de Salamanca, de principios, política e práctica para as necesidades educativas especiais (1994), que nun dos seus apartados resalta o seguinte: “O principio fundamental que rexe as escolas integradoras é que todos os nenos deben aprender xuntos, sempre que sexa posible, facendo caso omiso das súas dificultades e diferenzas. As escolas integradoras deben recoñecer as diferentes necesidades do seu alumnado e responder a elas, adaptarse aos diferentes estilos e ritmos de aprendizaxe e garantir un ensino de calidade por medio dun programa de estudos apropiado, unha boa organización escolar, unha utilización atinada dos recursos e unha asociación coas súas comunidades. Debería ser, de feito, unha continua prestación de servizos e axuda para satisfacer as continuas necesidades especiais que aparecen na escola”.

Informe da UNESCO sobre a Educación para o século XXI

Este informe, do ano 1996, no seu afán por democratizar a educación, propón un novo modelo no que se ofrecen as mesmas oportunidades a todos os individuos dunha mesma comunidade. “A Educación Inclusiva implica que todos os nenos e nenas dunha determinada comunidade aprendan xuntos independentemente das súas condicións persoais, sociais ou culturais, incluso aqueles que presentan discapacidade.” (UNICEF, UNESCO)

Convención sobre os Dereitos do Neno

Na Convención sobre os Dereitos do Neno (2005), resáltanse dous artigos nos que o xogo, o descanso e o desenvolvemento integral concíbense como dereitos dos nenos e das nenas e, polo tanto, aos cales se lles poden dar resposta propiciando espazos de recreo durante as xornadas escolares. Os artigos son os seguintes:

  • Artigo 27: Os Estados Partes (España forma parte deles) recoñecen o dereito de todo neno a un nivel de vida axeitado para o seu desenvolvemento físico, mental, espiritual, moral e social (p.31).
  • Artigo 31: Os Estados Partes recoñecen o dereito do neno ao descanso e o esparcemento, ao xogo e ás actividades recreativas propias da súa idade e participar libremente na vida cultural e nas artes (p.36).

Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade

A Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, de 2006, adica o seu artigo 24 ao dereito á educación dende unha perspectiva de dereitos humanos, dacordo co modelo ecolóxico da discapacidade, presente en toda a Convención, e dacordo cos seus principios xerais: respecto, non discriminación, participación e inclusión, igualdade de oportunidades... Deste xeito, ademais de establecer a obriga de garantir un sistema de educación inclusivo, prohibe que as persoas con discapacidade queden excluídas do sistema xeral pola esta razón.

Foro mundial sobre educación

No Foro mundial sobre a Educación 2015 de Incheon (UNESCO), aprobaron a Declaración de Incheon para a Educación 2030, na que se presenta unha nova visión da educación para os próximos 15 años. Esta nova visión queda recollida plenamente no obxectivo de desenvolvemento proposto “Garantir unha educación inclusiva e equitativa de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe permanente para todos”.

Lexislación vixente

No noso país, a lexislación vixente reflicte as propostas anteriores a través das seguintes disposicións normativas:

  • A Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación (LOE), que na redacción dada pola Lei Orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (LOMCE), na súa sección cuarta, favorece a educación inclusiva promovendo tanto a autonomía dos centros á hora de adaptar a normativa ás características do seu entorno e da poboación á que atenden, como a flexibilidade do sistema nos aspectos pedagóxicos, organizativos... En relación ao alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe, asegurará a non discriminación e a igualdade efectiva no acceso e permanencia no sistema educativo.
  • O Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, fai referencia a que a escolarización do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, debe asegurar a súa non-discriminación e a igualdade efectiva no acceso e permanencia no sistema educativo ordinario.

Obra publicada con Licencia Creative Commons Reconocimiento Compartir igual 4.0