Introdución

Falar da orixe do pobo xitano (tamén chamado rom, roma ou romaníes) segue a ser complicado debido, sobre todo, a dous aspectos:

  • A cultura xitana é ágrafa, non conservando por escrito a súa procedencia.
  • A súa historia sempre foi estudada por persoas non romaníes, conferíndolle matices etnocentristas.

E si pouco se sabe da súa historia menos se sabe sobre a súa escolarización, quedando resumida ao longo de case seis séculos como excluínte, segregadora e non inclusiva.

Como en calquera comunidade, a xitana, está formada por un grupo moi heteroxéneo. A existencia dunha cultura propia é un feito incuestionable para o pobo xitano, podendo recoñecer tres elementos fundamentais na súa identificación como minoría étnica:

  • A idea dun carácter común (orixe, raíz oriental, historia, trazos,...).
  • A interacción con outros grupos nun contexto plural e máis ou menos xerarquizado.
  • A diferenciación doutros grupos, cun sistema cultural ou de valores propio, caracterizado pola familia, a coincidencia dunha orixe común, o recoñecemento e orgullo de ser xitanos e xitanas, a solidariedade, a liberdade, o espírito de adaptación, o sistema simbólico….

O pobo xitano, disperso por todo o mundo, está unido por unha orixe común que é a súa lingua, o Romanó. Esta, de raíces sánscritas, é unha das linguas máis antigas, estímase que é falado por máis de dez millóns de persoas. En España fálase o caló (dialecto do Romanó), pero existe unha perda do seu uso debido a causas variadas, todas teñen en común non dispoñer de medios e educación cultural para loitar contra as dificultades que se lle foron presentando ao longo da historia. O pobo xitano español, xunto co portugués, é o que peor coñece a súa lingua, malia todo, millóns de xitanos e xitanas de todos os países falan entre eles e elas perfectamente por medio desa lingua común que mantiveron durante séculos.

Porén, dicir que o pobo xitano ven compartindo desde hai 6 séculos o territorio español, considerando innegables as súas aportacións á nosa identidade nacional.

É nos centros educativos onde debería producirse a normalización cultural a través do currículo (explícito e oculto), a través da súa organización, estrutura, métodos de ensino, materias didácticos, etc. Segundo Gimeno Sacristán (1993) se un grupo social non ve reflectida a súa cultura na escolaridade ou se fai visible menos que as dos outros grupos, seguirá tendo un problema de igualdade de oportunidades.

Os estudos sobre a Normalización educativa de las alumnas y los alumnos gitanos en Educación Primaria realizados nos anos 1994-2002 e 2010 pola Fundación Secretariado Gitano (FSG) reflicten que o nivel educativo dos xitanos segue a ser máis baixo que os de calquera outro grupo social.

Os centros educativos precisan espazos nos que o alumnado se sinta seguro, se promocione o diálogo intercultural e se favoreza a convivencia impulsando deste xeito o progreso da sociedade en xeral.

A inclusión, como principio fundamental do actual sistema educativo, está presente en diferentes documentos nacionais e internacionais. Neles refórzase a idea de que todas as accións e iniciativas incluídas nun proxecto educativo de calidade, deben desenvolverse en ambientes inclusivos. Os centros educativos deben constituírse como comunidades democráticas, espazos de participación cívica nos que se fomenta a perspectiva de xénero cara ao éxito escolar e nos que se garante a acollida ao alumnado na súa diversidade (étnica, cultural, social, económica, funcional, de xénero…).

Obra publicada con Licencia Creative Commons Reconocimiento Compartir igual 4.0