Como consigo un dos kits de resucitación?
Solicitándoo en préstamo ao CFR/CAFI, que cho cederá por un periodo de ata dúas semanas sempre que: 1) esteas habilitado/a como Proveedor DESA, e 2) haxa dispoñibilidade de datas. Para solicitalo terás que enviar un correo-e, indicando no asunto "Solicitude kit RCP na aula", que conteña:
- Datas desexadas (inicio e fin do préstamo).
- Centro no que participará no programa (denominación e código).
- Docente que desenvolverá a actividade (nome e apelidos).
A quen teño que dirixirme?
Dito correo-e terás que envialo á asesoría do CFR ou do CAFI que che corresponda segundo a ubicación de teu centro. Os enderezos son os seguintes:
- CAFI: cafi@edu.xunta.gal
- CFR Coruña: cfr.pontevedra@edu.xunta.gal
- CFR Ferrol: cfr.ferrol@edu.xunta.gal
- CFR Lugo: cfr.lugo@edu.xunta.gal
- CFR Ourense: cfr.ourense@edu.xunta.gal
- CFR Pontevedra: cfr.pontevedra@edu.xunta.gal
- CFR Vigo: cfr.vigo@edu.xunta.gal
Tamén podes enviar a solicitude de kit ao correo-e rcpnaaula@edu.xunta.gal, desde onde se xestionará coordinadamente co CFR/CAFI.
Enviei o correo-e. Xa teño o préstamo asegurado?
Non, o feito de enviar o correo-e coa petición non finaliza o proceso. Tes que esperar a recibir un correo confirmatorio (ou denegatorio) da asesoría á que llo comunicaras, xa que por diversas razóns pode non ser posible (préstamos/bloqueos pendentes de cargar no calendario, incidencias técnicas, festivos locais...).
Non podo achegarme ao CFR para coller/devolver o kit. Como fago?
A recollida ou devolución dos kits de resucitación non ten porque facerse en persoa. En caso de que non poidas achegarte ata as instalacións do CFR/CAFI, podes enviar a outra persoa (quen se fará responsable do traslado) ou a unha empresa de transporte e paquetería, sempre e cando se respecten os horarios e datas acordados.
Vaime mellor ir a outro CFR. Podo?
O teu CFR/CAFI de referencia é o que corresponda pola localización xeográfica do teu centro de destino. Aínda que che quede máis a man outro (p.ex. máis preto do teu domicilio persoal), sentímolo, pero non podes recurrir a el, xa que iso podería supoñer problemas cos dereitos dos centros da propia zona, ou coa responsabilidade dos/as asesores/as e docentes implicados en caso de incidencia.
Podo solicitar o préstamo sen participar no programa?
Non: os kits de resucitación dispoñibles nos CFR e no CAFI son para uso exclusivo dos/as participantes no programa RCP na aula. As asesorías poden bloquealos por motivos internos (limpeza ou reparación, uso en actividades propias, incidencias do centro...), e así o indicarán nos calendarios. Pero os kits non se prestan para outras iniciativas docentes ou de centro, nin para actividades de formación en centro.
Podo pedir o kit sen facer o curso?
Para que che presten un kit é necesario estar en posesión do título de Proveedor DESA. Se xa é o caso por ter feita dita formación noutra entidade, ou tes outra titulación che habilita ao respecto, poderás solicitar o kit previa presentación do diploma ou título que demostre estar en situación de usalo e de poder desenvolver o programa no centro.
Quero usar un dos kits para outra cousa. Prestádelos?
Os kits se destinan en exclusiva ao despregamento do programa RCP na aula, e de forma excepcional a aquelas actividades que desenvolva o CFR/CAFI como institución xestora do recurso, ou o 061 no caso dos kits da súa propiedade.
Non se prestan para ningún outro tipo de actividade: cursos en centros, actividades complementarias ou extraescolares, demostracións prácticas de familiares ou persoal sanitario, actividades académicas alleas ao programa...
Que conteñen os kits de resucitación?
Os kits de resucitación para facer as prácticas conteñen:
- Varios torsos de resucitación, os bonecos para practicar a masaxe de reanimación (en número entre 2 e 4).
- Un simulador DESA (un desfibrilador externo semiautomático, pero non real).
Son todos os kits iguais?
Os kits dispoñibles son basicamente iguais, aínda que pode haber pequenas variacións no número de torsos incluídos, na súa marca, ou na existencia ou non de conectividade coa aplicación móbil sobre calidade da RCP. Se precisas un kit con algunhas características en concreto, contacta coa túa asesoría de referencia para comprobar se hai posibilidade de obtelo.
Podo levalo máis ou menos tempo?
O préstamo estándar é de ata dúas semanas, sen duración mínima. Se precisas máis tempo por algunha causa xustificada, contacta coa asesoría do CFR/CAFI do teu ámbito e plantéxalle a demanda para valorar se é posible atendela.
Podo pedilo varias veces no mesmo curso?
Si, aínda que de coincidir as datas coas solicitadas por outro centro/docente que non o pedira nese curso, terá prioridade a persoa que non dispuxera aínda del. Pregamos sexades colaboradores neste aspecto non solicitando préstamos anticipadamente de non ter ben programada a actividade.Que precaucións debo ter co kit?
As obvias como con calquera recurso que se presta: recollelo e devolvelo en tempo e forma, custodialo con seguridade, coidar do seu mantemento e limpeza, etc. Os kits, sexan cedidos polo 061 ou propiedade da Consellería, están adquiridos con fondos públicos, polo que é responsabilidade de todos velar polo seu mantemento e durabilidade.
Consigo un kit doutro xeito. Vale igualmente?
Se tes acceso a torsos de resucitación e/ou simuladores DESA por outra vía (p.ex. préstamo do Concello, telos en propiedade o centro...), podes empregalos sen problema, pois non é obrigatorio usar os dos CFR/CAFI. Iso si: lembra que os requisitos de participación (ter a habilitación, impartir na área/nivel autorizado, etc.), e o proceso de petición de diplomas, non cambian por este aspecto.
Sigo tendo dúbidas respecto dos kits...
Pois plantexa as túas dúbidas:
- Consultando á asesoría correspondente na Rede de formación do profesorado.
- Consultando á asesoría do programa nos servizos centrais: rcpnaaula@edu.xunta.gal.