A materia de Deseño proporciónalle ao alumnado os fundamentos e destrezas necesarios para iniciarse no deseño e senta as bases para afrontar estudos superiores relacionados con esta disciplina. Supón unha aproximación tanto aos principais campos do deseño como a distintas metodoloxías de análises, estudo e creación, que son aplicables tamén a outros ámbitos de coñecemento Para iso, a materia organízase ao redor do seguintes catro grandes eixos temáticos. Nun primeiro lugar, unha análise reflexiva e crítica do mundo que rodea o alumnado, que permitirá identificar as estruturas formais, semánticas e comunicativas dos produtos de deseño mediante a decodificación da súa linguaxe específica. En segundo lugar, o coñecemento das técnicas, ferramentas e procedementos analóxicos e dixitais de creación, composición, representación e presentación propios do deseño bidimensional e tridimensional. Nun terceiro lugar, o afondamento nas metodoloxías proxectuais aplicadas ao desenvolvemento de produtos innovadores e creativos sobre a base do deseño inclusivo. E, por último, en cuarto lugar, o estudo da relación entre forma e función no deseño.