A materia de Proxectos Artísticos combina unha concepción da arte centrada na reflexión sobre a realidade e a expresión persoal, con outra na que resulta fundamental a concreción dos obxectivos e das finalidades que se expoñen na execución dun proxecto creativo. Entendemos que o concepto de proxecto artístico, tal como se pode afrontar nun contexto educativo de educación secundaria, debe ir máis ligado á idea de proposta de traballo organizada para producir creacións plásticas, audiovisuais, de deseño, etc., que ao concepto de creación de obras de arte.

Ao falar de proxectos, ponse a énfase tanto no proceso coma no resultado, incidindo especialmente na planificación e xestión deste, así como no efecto que este poida ter na contorna física máis próxima ou noutras parcelas da realidade accesibles a través de Internet ou das redes sociais.