Un videoxogo é un programa informático basicamente de ocio e lecer no cal se intentan cumprir unha sere de obxectivos para rematar o xogo ou facer unha alta puntuación.
Pódese xogar con videoxogos dende distintas plataformas: consolas (Playstation, X-Box, Gameboy...), móbiles ou ordenadores principalmente.
No caso dos ordenadores o xogo pode estar contido noutro soporte (xeralmente un disco), ser descargado da rede ou estar colgado nela (coma é o caso dos minixogos en páxinas coma minijuegos.com).
En 1958 lanzouse o primeiro e primitivísimo videoxogo, pero a gran revolución destes programas chegou a finais dos anos setenta, coa comercialización masiva e diversificación destes produtos (Space Invaders, 1978; Pac-Man, 1980 ) , e ata hoxe non deixaron de espallarse e mellorar, crecendo tanto cualitativa coma cuantitativamente.
Actualmente hai numerosos tipos de videoxogos coma son: de aventura, de rol, plataformas, "shooters" (de disparos), de coches, musicais, estratéxicos, educativos... e o seu mercado move miles de millóns de euros cada ano.
Son tanto criticados por unha banda coma alabados por outra:
-Os seus detractores defenden que son adictivos, perigosos, poden causar problemas mentais a longo prazo, afectan á xente que padece epilepsia e inhiben as relacións sociais.
-Os seus defensores din que, con moderación, agudizan os sentidos e a capacidade de razoamento, liberan estrés e incluso melloran as nosas relacións sociais.