O estudo da historia de España é esencial para o coñecemento e comprensión non só do noso pasado senón tamén do mundo actual. Non menos importante é o carácter formativo da materia de Historia de España, xa que desenvolve capacidades e técnicas intelectuais propias do pensamento abstracto e formal, tales como a observación, a análise, a interpretación, a capacidade de comprensión e o sentido crítico. Por outra banda, a historia contribúe decisivamente á formación de cidadáns e cidadás responsables, conscientes dos seus dereitos e das súas obrigas, así como da herdanza recibida e do seu compromiso coas xeracións futuras.

Historia de España de segundo curso de bacharelato pretende ofrecer unha visión de conxunto dos procesos históricos fundamentais dos territorios que configuran o actual Estado español, prestando, cando cumpra, unha especial atención a Galicia, pero sen esquecer por iso a súa pluralidade interna e a súa pertenza a outros ámbitos máis amplos, coma o europeo e o iberoamericano.

Na distribución cronolóxica dos contidos outórgaselle unha maior importancia ao coñecemento da historia contemporánea, sen renunciar por iso aos referidos ás etapas anteriores, pois en grande medida a pluralidade da España actual só é comprensible se nos remontamos a procesos e feitos que teñen a súa orixe nun pasado remoto. Deste xeito, dedícase un primeiro bloque aos comezos da nosa historia, desde os primeiros humanos á monarquía visigoda; o segundo refírese á Idade Media, desde a conquista musulmá da Península; os dous seguintes estudan a Idade Moderna, ata as vésperas da Revolución Francesa; e os oito restantes a Idade Contemporánea.