As prácticas ditatoriais do xeneral Narváez e de González Bravo nos últimos gobernos moderados, estenderon a impopularidade do réxime e da raíña Isabel II. Así, no ano 1868, a revolución coñecida como Gloriosa ou Setembrina, protagonizada por todas as forzas opositoras a Isabel II, expulsou os Borbóns do trono de España e abriu a posibilidade de configurar un novo sistema político baseado nos principios do liberalismo democrático.

Causas:  profundo malestar social provocado polas malas colleitas, as dificultades económicas na industria e nas finanzas e o descontento da maioría da sociedade (estudantes, exército, burguesía industrial e comercial) cun sistema político pouco democrático. Unión de toda a oposición(progesistas, demócratas e unionistas) no Pacto de Ostende (1866) que establece: establecer un goberno provisional que asumise os principios do liberalismo democrático e que convocase eleccións para constituír unhas novas Cortes, coa finalidade de elixir un novo modelo de Estado e redactar unha nova constitución.

A Revolución Gloriosa iniciouse en setembro de 1868 en Cádiz cun pronunciamento das tropas da mariña do almirante Topete e protagonizadoo tamén por Serrano e Prim. os sublevados venceron as tropas leais á raíña na batalla de Ponte de Alcolea (Córdoba). En paralelo xurdiron numerosas xuntas revolucionarias que reclamaban o sufraxio universal e a liberdade de prensa e asociación e a abolición dos impostos de consumo e da redención de quintas. Hai pois unha unión de pronunciamento e revolución social.

Tras o exilio de Isabel II, formouse un Goberno provisional integrado por unionistas, progresistas e demócratas e presidido por Serrano. O Goberno puxo en marcha numerosas reformas políticas e económicas e convocou Cortes constituíntes elixidas por sufraxio universal.


Estas Cortes elaboraron unha nova Constitución no 1869 que, inspirada nos principios do liberalismo democrático, establecía a soberanía nacional, entendida como popular;

A monarquía democrática como forma de goberno. Nesta forma de goberno o rei tiña un papel importante pero cunhas funcións bastante limitadas pola propia Constitución: o poder executivo correspondía ó rei, que o exercería a través dos seus ministros, libremente escollidos e responsables ante as Cortes. O monarca sancionaba e promulgaba as leis, pero sen poder vetalas, ademais de poder disolver as Cortes, pero só unha vez por lexislatura e estas debían reunirse tras un prazo fixado (“O Rei reina, pero non goberna”).

O poder lexislativo radicaría nas Cortes, que serían bicamerais (en contra do que prantexaban as Xuntas Revolucionarias), formadas por un Congreso e un Senado, corpos colexisladores con iguais atribucións, elixidos polo sufraxio universal masculino (directo no caso do Congreso e indirecto, a través de compromisarios, para o Senado); asumen en exclusiva o poder lexislativo,  controlarían ademais as accións do Goberno e aprobarían os orzamentos. Tamén se fai referencia a que tanto o Parlamento como as corporacións municipais serían as únicas entidades responsables do establecemento das taxas e impostos correspondentes (Artigo 15)

-En canto ó poder xudicial, quedou asegurada a independencia dos tribunais formando un corpo de xuíces por oposición e non por nomeamento. Ademais, a democratización da xustiza completouse coa lei do xurado (permitiu a creación dos primeiros xurados con participación popular).

Liberdade de cultos; Estado aconfesional; e dereitos e liberdades amplos, especialmente o dereito de asociación e reunión. 

Despois da promulgación da Constitución, Serrano foi nomeado rexente provisional mentres se buscaba un novo rei para España, que tiña que ser católico, liberal e contar co apoio das potencias europeas. Finalmente ese rei será Amadeo de Savoia, fillo de Víctor Manuel II Rei de Italia. O asasinato de Prim, que deixa ao monarca sen o seu principal valedor, as dificultades de goberno na coalición, o regreso do problema carlista, a sublevación en Cuba, a insatisfacción das clases populares (non abolición sistema quintas) e a falta de colaboración por parte dos sectores tradicionais provocaron que en febreiro de 1873 renunciara o que abriu paso á 1ª República.

Un réxime político tamén inestable e afectado por graves problemas, o que derivaría na intervención do exército, acabando co propio Sexenio Democrático ao pronunciarse o xeneral Martínez Campos en decembro de 1874 a favor da volta dos Borbón na persoa de Afonso XII, o que daría inicio a unha nova etapa histórica, a Restauración e remataba coa única experiencia democrática da política española decimonónica.




Last modified: Monday, 2 December 2024, 5:18 PM