Os seguintes documentos permítennos elaborar unha composición de texto histórico sobre a Guerra Civil española (1936-1939).

 A vitoria da Fronte Popular nas eleccións de febreiro do 36 sustentada nun programa electoral baseado no reformismo e na posta en liberdade dos represaliados polas revoltas de 1934 supuña de novo a posta en práctica das reformas do Bienio reformista (31-33) as cales se opuñan de maneira clara o oligarquía e os sectores máis conservadores da sociedade española, entre os que destacaban o exército e o clero. Alcalá Zamora deixou o seu posto de Presidente da República reprobado polas Cortes en favor de Manuel Azaña e a presidencia de goberno foi asumida por Casares Quiroga. Coa intención de paralizar o proceso reformista un grupo de militares comandados polo xeneral Mola, Sanjurjo (exiliado en Portugal) e Franco comezarán a planear un golpe de Estado buscando o apoio das forzas antirreformistas de dereita que acabarán conformando o bando sublevado. Este bando, aglutinado polo interese común de paralizar o proceso reformista, era moi heteroxéneo ideoloxicamente: Mola avogaba pola instauración dunha ditadura militar republicana; a CEDA de Gil Robles pola Restauración bornónica; os requetés carlistas por unha monarquía tradicionalista e a Falanxe de José Antonio Primo de Rivera por unha ditadura de corte fascista. Os chamamentos dalgúns deputados de dereita aos militares para dar un golpe de Estado (Calvo Sotelo) e os rumores de que ía acontecer provocaron a reacción do goberno de Azaña desterrando a Mola a Pamplona e Franco a Canarias para alonxalos do groso das tropas africanas. Así como provocaron tamén unha crecente crispación social (atentados profascistas, folgas obreiras...) que levaron a unha forte axitación social. O asasinato do teniente Castillo dos Gardas de Asalto polas forzas de dereita e a posterior vinganza destes co asasinato de Calvo Sotelo adiantarán os plans da sublevación dos militares. O exército africanista apoiará ao bando sublevado mentres que a facción peninsular permanecerá fiel a legalidade republicana. O 17 de xullo Franco subleva as súas tropas en África. O 18 de xullo estenderase pola Península. Este golpe, apoiado pola Igrexa (Isidro Gomá) que o denomirá como unha Cruzada dándolle a categoría de Guerra santa, fracasará no seu intento de tomar o poder provocando a ruptura de España en dous bandos e dando inicio a cruenta Guerra civil (1936-1939), sen dúbida o acontecemento principal e máis traumático da historia contemporánea española.

 Os dous bloques, o bando dos sublevados (de dereitas ou azuis) e o bando republicano (de esquerdas ou roxos) coinciden coa división entre reformistas e antirreformistas e co mapa electoral de febreiro de 1936. Nas zonas insulares e Marrocos, así como as que tiñan gran presencia de campesiños propietarios como Galicia e Castela-León, ou Navarra con forte presenza dos clericalistas e requetés, triunfou a sublevación, mentres que nas zonas con maioría xornaleira e industrial permaneceron fieis a República (Madrid, Castela A Mancha, Murcia, Comunidade Valenciana, Cataluña, Aragón e País Vasco-Cantabria-Asturias). O bando republicano estaba formado pola coalición da Fronte Popular, que incluía aos republicanos liberais (Esquerda republicana e Unión republicana), ao PSOE e UXT, CNT-FAI (anarquistas), o PC (Stalinistas) e o POUM (Trotskistas). A división do territorio en dous espazos tan claros, cunha economía agraria diversificada para o bando sublevado (cereais de Castela e vacún galego) e os espazos industriais no lado republicano outorgou unha vantaxe aos primeiros que só se pode explicar atendendo aos apoios internacionais. A Guerra civil, dende o inicio internacionalizada, foi a antesala da Segunda guerra mundial. Reino Unido e o goberno da Fronte popular de Leon Blum en Francia asinan xunto coas demais potencias o pacto de non intervención nos asuntos españois. Malia isto, tanto a Alemaña nazi como a Italia fascista saltáronse o pacto e prestaron un apoio determinante na vitoria dos sublevados desde o inicio sen consecuencias internacionais debido ao medo a provocar a Hitler. A armada e a aviación estranxeiras permitiron o paso dos 40.000 soldados africanos a Península, claves na vitoria, tanto como apoio militar entre os que destacan a Lexión Condor alemá (que ensaiou a Blitzkrieg en España e foi clave no bombardeo de Guernica), os camisas negras e Portugal enviou un exército de voluntarios chamado os viriatos. Aparte disto concederon créditos e material de guerra que fixeron innecesario o control do bando sublevado das zonas industriais. O bando republicano non contou con máis axuda internacional que os voluntarios da Brigadas internacionais, grupo de milicianos voluntarios que consideraban a Guerra española como a primeira batalla contra o fascismo. Algúns brigadistas famosos foron Orwell, Hemingway, Tito e Willy Brandt entre outros. A URSS axudaría principalmente ao PC con apoio armamentístico para tratar de establecelo como partido dominante nun posible proceso revolucionario e converter España nun satélite soviético. A compra de armamento a Rusia foi sufragada cos depósitos de ouro do Banco de España. Deste xeito, ao non poder acceder ao mercado internacional, posuír as zonas industriais e non as agrarias foi clave na derrota republicana. O verán de 1936 é o período máis violento e caótico da guerra, coñecese como o terror quente. Ambos bandos puxeron especial empeño en eliminar a todo disidente ou sospeitoso de pouco entusiasmo coa súa causa, practicando o terror dos “paseos”. Esta política será rapidamente abandonada polo bando republicano, pero se converterá na forma de actuar dos sublevados alentada polo propio goberno militar. Non obstante, os sublevados non toman Madrid debido á resistencia republicana apoiada polas brigadas internacionais e a CNT-FAI de Barcelona dirixidos por Durruti. Franco leva a cabo a liberación do Alcázar de Toledo, o que lle da maior fama dentro do seu bando. Ademais era a figura que negociaba coas potencias do eixo. Este feito, xunto coa morte de Sanjurjo cando volve de Portugal para liderar a sublevación, fará que a Xunta militar concédalle o título de Xeneralísimo e Xefe do Estado. Mola morrerá en 1937 nun accidente aéreo e J. A. Primo de Rivera fora fusilado ao inicio da guerra. Estes feitos despexarán o camiño de Franco para a súa ditadura. En abril de 1937 Franco promulga o Decreto de Unificación a través do cal todos os partidos políticos existentes no bando sublevado se fusionan nun novo partido único: Falange Española Tradicionalista y de las Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista (FET y de las JONS). Neste mes ademais ten lugar o bombardeo da cidade de Guernica, realizado por cazas alemáns e italianos.

 Dentro do bando republicano houbo unha gran cantidade de problemas internos (en menos de tres meses teñen catro presidentes de goberno). O primeiro destes foi Casares Quiroga quen dimite polo armamento dos civís, deixando o cargo a Martínez Barrio, o cal intenta negociar co bando contrario sen éxito. O terceiro foi José Giral en cuxa etapa destaca principalmente a creación das Milicias Armadas e de Comités e xuntas revolucionarias. Finalmente, Largo Caballero resultou ser o único dirixente capaz de controlar a situación. Estableceu o decreto de militarización das milicias que permitiu a creación dun exército regular. Porén, estas reformas non foron suficientes e prodúcese a Crise de Maio de 1937. Foi un enfrontamento entre o PCE e CNT-FAI debido a diferenzas ideolóxicas. Por un lado, o PCE (co apoio dos socialistas e republicanos liberais) consideraron que primeiro había que gañar a guerra e despois facer a revolución. Pero CNT-FAI e o POUM, consideraban necesario levar a cabo a revolución xa durante a guerra se querían gañala. Tras a Crise de Maio, Largo Caballero ten que dimitir. O novo xefe de goberno é o socialista Juan Negrín que presenta nun documento a opción de resistencia total á espera do previsible inicio da Segunda Guerra Mundial entre os estados profascistas e pro-democráticos. Pero o pacto de Münich (1938), a derrota na batalla do Ebro (na que a república perde a iniciativa bélica) e os enfrontamentos entre os partidarios de pactar con Franco unha rendición con condicións (Golpe do tenente Casado e Besteiro en marzo de 1939) determinaron que os republicanos acabaran por admitir unha derrota sen condicións e optar, en grande número, polo exilio. Os sublevados toman Madrid o 1 de abril de 1939, marcando o fin da guerra. Aínda que as cifras son confusas, podemos falar de máis de 500.000 vítimas durante a guerra máis as cifras dos exiliados (moitos voltan tras a instauración da democracia) e os executados na posguerra. 

Ademais se imporá unha ditadura franquista que fixo desaparecer todas as liberdades democráticas eliminado a oposición coa “Lei de Responsabilidades políticas”. Haberá unha gran decadencia cultural polo exilio da maior parte dos intelectuais e pola férrea censura, ademais da paralización do crecemento económico español que tardará 20 anos en acadar o nivel produtivo de 1936. En conclusión, o establecemento do sistema franquista supuxo a reacción da oligarquía, clero e exército ante a perda de poder económico, político e social derivado do proceso reformista republicano e unha ruptura con todas as melloras acadadas ata ese momento (liberdades, melloras sociais...) comezando así a longa noite de pedra da que falaba Celso Emilio Ferreiro, a cal durou máis de corenta anos.


Última modificación: jueves, 21 de marzo de 2024, 21:12