A nivel demográfico, España seguiu ancorada nun comportamento propio dun réxime demográfico antigo, con altas taxas de natalidade e mortalidade con episodios de sobremortalidade polas malas colleitas (cada decenio hai unha), epidemias (especialmente do cólera) ou guerras que converten o crecemento natural en negativo e fan retroceder a cantidade de poboación. España, ao longo so século XIX, pasa duns 10 a uns 19 millóns de habitantes o que demostra que é un crecemento lento. A caída das taxas de mortalidade, especialmente a mortalidade infantil, non vai experimentarse en España ata o comezo do s. XX. A poboación concéntrase na periferia polo seu maior dinamismo económico e, a partir de mediados de século, comeza unha tendencia de migración do campo á cidade, vencellado ao proceso industrializador, que fai medrar a poboación urbana, se ben, a maioría da poboación segue a residir no campo. Barcelona, polo seu dinamismo industrial, atrae a moitos migrantes. En calquera caso, falamos de cidades pequenas que medran ao calor dos servizos administrativos, educativos ou militares. Madrid, a capital do Estado, ten menos de medio millón de habitantes. A mediados do século, comeza o urbanismo coa construcción de modernos barrios planificados para residencia da burguesía: os ensanches (o mellor exemplo, o de Barcelona de Ildefonso Cerdá).

As revolucións liberais provocaron profundas transformacións na estrutura social herdada do Antigo Réxime.

 O s. XIX é o século do ascenso da burguesía, grupo social que acadará a hexemonía social e que impoñerá o liberalismo como novo sistema. Os antigos grupos tradicionais (os privilexiados da antiga sociedade estamental) perden a súa posición hexemónica, pero a súa evolución foi distinta. A nobreza perde os dereitos señoriais (privilexios fiscais e xudiciais) pero se adapta a nova situación xa que conservan a titularidade do seu patrimonio, o cal a converte en grandes propietarios en moitos casos, (como o caso da fidalguía rendista predominante en Galicia). O clero, sen embargo, sufriu máis cos cambios. Perden patrimonio coas desamortizacións e tamén os seus privilexios e decrece en número. A súa resposta adaptativa foi pregarse a posturas moi conservadoras e tradicionalistas (carlismo) e tratar de manter a súa influencia nunha sociedade que, lembremos, era eminentemente católica e, polo tanto, sobre a que exercía unha grande influencia. Debemos lembrar como no Concordato de 1851 consegue o monopolio do ensino e da censura, así como unha forte financiación por parte do Estado. Peor o pasaría durante o Sexenio Democrático, coa liberdade de cultos, feito que explica a súa labor en prol da súa caída e a súa alianza co sistema da Restauración borbónica. No eido dos antigos non privilexiados os campesiños seguían a ser os máis numerosos, ata ben entrado o s. XX. Sucederá isto debido a débil industrialización española. Pero temos diferenciar dúas situacións. A servidume se extingue co liberalismo convertendo ao campesiño en traballador agrícola, pero a súa situación variará moito dependendo do réxime de propiedade da terra. No caso do latifundismo, na metade sur de España, e agudizado polas desamortizacións, especialmente a de Madoz que deixa sen terras comunais aos campesiños para poder ter gando ou obter recursos delas, os campesiños convértense en xornaleiros. A situación deste proletariado agrícola é terrible, condenados a traballar de xeito estacional. No caso de Galicia ou de Cataluña, coa rabassa morta e o sistema foral, o campesiñado aínda que non posuía a propiedade da terra tiña certos dereitos sobre ela facendo que a súa situación fora algo mellor que nos latifundios. En este contexto, da necesidade de acadar a propiedade das súas terras, nacen movementos como o agrarismo en Galicia. A estrutura deste tipo de campesiñado é máis conservadora, feito que se agudizará cando se consiga a redención dos foros e pasen a ser propietarios. 

Pero os protagonistas desta época, as clases antagónicas, serán sen dúbida a burguesía e o proletariado. A burguesía, motor das revolucións liberais, estaba integrada principalmente por comerciantes, financeiros, industriais, profesionais liberais e clases propietarias en xeral. En España, nun principio non era moi numerosa o cal a levou a ter un espírito pouco emprendedor tendente a imitar as formas de vida da nobreza salvo en casos entre os que destacan a burguesía catalá e vasca, tremendamente activa no desenvolvemento industrial e financeiro. Pero debemos distinguir dous grupos: a alta burguesía, o que xunto coa nobreza rica conformaban o que denominamos a oligarquía, que detentou o poder político e social principalmente, con poucas ganas de compartilo; e as clases medias, que medraban xunto co desenvolvemento urbano, moitas veces excluídas do sistema político oligárquico.

 Ó longo do s.XIX aumentou lentamente o número de obreiros en España, manténdose un elevado número de traballadores artesanais, de tal maneira que o incremento proletario non se apreciou ata o s.XX. Procedentes do campo e tamén dos talleres artesáns arruinados pola competencia das máquinas, os obreiros industriais tiveron que vivir nunhas duras condicións de vida, con xornadas extenuantes, salarios ínfimos, traballo infantil e das mulleres, elevada mortalidade, pésimas vivendas, polo que desenvolveu unha forte acción reivindicativa e de loita para ir logrando melloras salariais e laborais.

A relación entre as clases medias e o proletariado é ambivalente: as veces aliándose en contra da opresión da oligarquía e outra aliándose con ela para frear as reivindicacións revolucionarias do movemento obreiro. 

Mención aparte merece o papel da muller, sen apenas transformacións substantivas na súa situación herdada da modernidade. Seguía tendo un papel fundamental pero que a sociedade, que seguía a ser patriarcal, relegaba a un segundo plano. Cargaban co peso das familias e das economías domésticas pero as oportunidades e os dereitos das mulleres estaban moi limitados sendo consideradas inferiores aos homes, estando sometidas á autoridade dos pais ou dos maridos. O seu rol social básico era o do ámbito doméstico (crianza dos fillos e mantemento do fogar) ou de coidadoras, fundamental para que outras actividades reservadas aos homes puideran desenvolverse. Incluso as transformacións liberais non remataron con esa discriminación que era en varios eidos: pola súa condición de muller era considerada biolóxicamente inferior aos homes; unha discriminación xurídica nos Código penal, Civil e de Comercio estando totalmente sometida á autoridade do home, non tendo autonomía nas accións legais e comerciais; unha discriminación política xa que nunca tivo dereito a voto (ata a II República) e teremos que esperar ata 1918 para ter a primeira asociación feminista en España (Asociación Nacional de mulleres Españolas); unha clara discriminación laboral xa que os salarios oscilaban entre un 30 e un 60 por cento menos cos dos homes e as súas xornadas eran frecuentemente máis longas. Iso no caso das mulleres proletarias xa que a incorporación da muller a outros tipos de traballos (de oficina ou mestras) foi moi lenta e de modo parcial. A capacidade de acceso ao ensino da muller era moi limitada, máis nas clases altas e nas clases medias e nula nas clases baixas. Entendida esta como clave para mellora situación da muller houbo centrou moitos dos discursos en prol dos dereitos da muller no século XIX, onde destacan as figuras de Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal. A Institución Libre de Enseñanza, inspirada no krausismo tamén se sumou a esta iniciativa de expandir o ensino entre as mulleres, creando en 1874 a Asociación por la Enseñanza de la Mujer. Pero como dixemos antes, teremos que agardar ata o s. XX para ver ao feminismo coller músculo e conseguir as súas primeiras reivindicacións. Non esquezamos que moitos dos movementos que reclamaban os dereitos da muller tamén proviñan do movemento obreiro. Os sectores tradicionais se opuxeron na súa maioría a calquera cambio a favor dos dereitos da muller. A modo de conclusión podemos afirmar que se ben é certo que a igualdade xurídica introducida polo liberalismo e a burguesía, protagonista do s. XIX, é clave para conseguir maiores cotas de igualdade, a desigualdade económica seguía sendo moi forte, e para que a igualdade xurídica alcanzase á muller teremos que superar o s. XIX e adentrarnos no XX e XXI nunha loita que aínda continúa.


Demografia españa siglo 19

Last modified: Sunday, 19 January 2025, 9:06 PM