9. A Ilustración en España
A Ilustración foi un movemento cultural e ideolóxico característico da Europa do século XVIII. Partindo da crítica ao pensamento tradicional e a sociedade do seu tempo, aIlustración defendeu o coñecemento baseado na razón para loitar contra a superstición e a ignorancia, así como fomentar as ciencias experimentais que, xunto co desenvolvemento económico, a extensión do ensino e as reformas sociais e políticas, levarían ao progreso e o benestar.
Na procura dos seus obxectivos, os ilustrados españois propuxeron proxectos de reforma que buscaban solucionar os problemas que identificaban na España do século XVIII:
a ignorancia, o atraso económico, a debilidade da agricultura, os privilexios estamentais, o peso da Igrexa foron asuntos de reflexión da Ilustración española.
Tanto en España como en Galicia, as novas ideas da Ilustración tiveron un desenvolvemento tardío. Na súa concreción pódense distinguir dúas etapas.
-A primeira, durante os reinados de Filipe V (1700-46) e de Fernando VI(1746-59), denominada de protoilustración, estivo encabezada polos chamados proxectistas (por elaborar proxectos para o goberno) e os anovadores ou novatores (por querer innovar no pensamento e na ciencia) entre os que destacaron Feixoo e Mayáns que crítican a superstición e defienden o racionalismo.
-A segunda, plenamente ilustrada e de apoxeo, desenvolveuse durante o reinado de Carlos III (1759-88) e nela destacaron os ilustrados Conde de Aranda, Campomanes, Floridablanca, Olavide…; en Galicia cómpre destacar a Xosé Cornide. O reinado de Carlos III é o exemplo do despotismo ilustrado en España. Esta forma de goberno intentaba desenvolver políticas reformistas inspiradas nos principios ilustrados sen renunciar ao absolutismo político. Carlos III, que tivera contacto coa Ilustración en Nápoles,rodeouse de políticos ilustrados para impulsar os seus plans de modernización.
Estas ideas ilustradas foron aceptadas e promovidas por unha minoría culta formada por nobres, clérigos, oficiais da Administración e burgueses que tiveron unha enorme influencia política e mesmo chegaron a postos de goberno. En liñas xerais, o seu pensamento e as súas propostas caracterizáronse pola moderación reformista, tentando compaxinar a crítica e a renovación co pragmatismo e o mantemento da orde socio-política establecida; só uns poucos foron evolucionando cara a posicións máis radicais preliberais.
En síntese o seu pensamento caracterizouse por:
-A crítica á realidade vixente, á ignorancia e á falta de cultura, ao atraso técnico e económico, aos prexuízos sociais e aos abusos dos poderosos.
-O fomento da educación e da renovación científica (as ciencias útiles) para superar o atraso existente e modernizar España. Estes ideais concretaríanse na fundación de escolas técnicas (como a Escola de Náutica e a de Comercio na Coruña) e na creación das Academias (da Lingua, Medicina, Historia, Belas Artes…).
-O predominio das preocupacións económicas, tentando fomentar e mellorar, con numerosos proxectos e reformas, todos os sectores produtivos (en especial o artesanal e comercial) co obxectivo de incrementar a riqueza do reino e o benestar e a felicidade da poboación. Co propósito de contribuír á difusión dos avances científicos e técnicos e de potenciar a economía dunha determinada zona ou rexión crearon as Sociedades Económicas de Amigos do País (a primeira foi a Real Sociedade Bascongada fundada en 1765); en Galicia destacou o Real Consulado da Coruña (1785). Tamén a prensa (como El Censor e El Pensador) contribuíron á divulgación destas ideas e proxectos.
-O recurso ao poder do rei para alcanzar as reformas pretendidas e afastar tanto os atrancos existentes como a oposición dos sectores tradicionalistas, maioritarios na Igrexa e na sociedade. Por iso defenderon unha nova concepción do poder coñecida como despotismo ilustrado: os monarcas debían exercer un poder absoluto, pero este debía empregarse, impulsando e encabezando as reformas o propio rei, en lograr aumentar a riqueza e o benestar (resumido no lema: todo para o pobo pero sen o pobo). Este apoio ao poder real fixo que moitos ilustrados formasen parte dos gobernos, en especial durante o reinado de Carlos III (Ensenada, Aranda…).
Reformas de Carlos III
-Declarar honestas todas as profesións
-Liberdade de comercio con América
-Liberadade de comercio de cereais
-Regalismo
Impacto limitado dado que o movemento foi feble en comparanza con outros países europeos e a propia debilidade da burguesía española. O temor provocado na Coroa pola Revolución Francesa motivará a paralización da axenda reformista e o abandono da Corte algúns colaboradores ilustrados como Campomanes e Jovellanos. Con todo, da Ilustración nacerá o foco de pensamento liberal español que será protagonista a partir de 1808 e apostará pola ruptura co Antigo Réxime.
Texto a revisar
Carlos III é o principal representante en España do chamado Despotismo Ilustrado: esta forma de goberno intentaba desenvolver políticas reformistas inspiradas nos principios ilustrados renunciando ao absolutismo político. Carlos III, que tivera contacto coa Ilustración en Nápoles, rodeouse de políticos ilustrados para impulsar os seus plans de modernización. Os ilustrados recorren ao poder do rei para alcanzar as reformas pretendidas e afastar tanto os atrancos existentes como a oposición dos sectores tradicionalistas, maioritarios na Igrexa e na sociedade.
A Ilustración tivo un impacto importante na España do século XVIII en comparanza con outros países europeos. Predominaron as preocupacións económicas, tentando fomentar e mellorar, con numerosos proxectos e reformas, todos os sectores produtivos (en especial o artesanal e comercial) co obxectivo de incrementar a riqueza do reino e o benestar e a felicidade da poboación. Da Ilustración nacerá o foco de pensamento liberal español que será protagonista a partir de 1808 e apostará pola ruptura co Antigo Réxime.
Texto a comentar