Composicións tema histórico
Composición histórica tema 15. A ditadura de Primo de Rivera. (golpe de estado e etapas: delimitación temporal e características principais)
Tendo en conta os seguintes documentos, aos que debes referirte ao longo da túa exposición, debes elaborar unha redacción sobre a ditadura do xeneral Primo de Rivera, centrándote nos ámbitos político e económico e, explicando as súas causas e consecuencias. O golpe de Estado (Doc. 1), aprobado por Alfonso XIII, pon fin ao réxime constitucional e instaura no goberno a un Directorio Militar que será sucedido en 1925 por un Directorio Civil (Doc. 2). Os éxitos militares en Marrocos e un crecemento económico sustentado no nacionalismo e no intervencionismo (Doc. 3) non puideron evitar a caída do ditador en 1930, enfrontado a unha crecente oposición e ao cambio de tendencia na conxuntura económica internacional.
Doc.1 .-Manifesto do xeneral Primo de Rivera (13 de setembro de 1923):
“Españois: Chegou para nós o momento máis temido que esperado (...) de atender o clamoroso requirimento de cantos amando á Patria non ven para ela outra salvación que liberala dos profesionais da política, dos homes que por unha ou outra razón nos ofrecen o cadro de desventuras e inmoralidades que comezaron o ano 98 e ameazan a España cun próximo fin tráxico e deshonroso.(...). Non temos que xustificar o noso acto, que o pobo san demanda e impón. Asasinatos (...), atracos, depreciación da moeda (...), rastreiras intrigas políticas tomando por pretexto a traxedia de Marrocos (...), precaria e ruinosa a produción agrícola e industrial, impune propaganda comunista, impiedade e incultura, xustiza influída pola política, descarada propaganda separatista (...). Non vimos chorar mágoas e vergoñas, senón poñerlles pronto radical remedio, para o que requirimos o concurso de tódolos bos cidadáns”. Para iso (...) constituirase en Madrid un Directorio Militar com carácter provisorio encargado de manter a orde pública (...)”.
Doc. 2.-Proposta de Primo de Rivera a Alfonso XIII para substituír o Directorio Militar por un Directorio Civil (1925):
“En suma, señor, para expoñer o meu pensamento clara e sinceramente, o que propoño a V. M. é a substitución dunha ditadura militar por outra civil e de organización máis axeitada, pero non menos vigorosa. E permítome propoñelo así, recollendo a arela popular, que só teme do cambio de goberno que se debiliten os resortes do mando que foron carácter do Directorio militar, cuxa vida, como xenuína representación do exército e da mariña, que tan patrioticamente ofreceron o prestixio dos seus nomes corporativos a este arriscado labor, non debe levarse a momento de desgaste ou de quebranto; nin tampouco debe subtraerse por máis tempo ao país, na súa representación civil, que é a axeitada e tan manifestamente está da nosa parte, a participación e a responsabilidade na obra de reconstituílo e reeducalo administrativa e politicamente”.
Doc 3.- José Calvo Sotelo, na súa obra Mis servizos a España (1931) expón e defende as liñas mestras da actuación económica da ditadura:
“As ditaduras propenden fatalmente ao intervencionismo. O seu omnímodo poder é incompatible coa inhibición (...). O intervencionismo de Primo de Rivera abrangueu a agricultura, a industria, o mesmo comercio (...). Primo de Rivera profesou un entusiasta nacionalismo económico que eu compartín co mais caloroso fervor. Pero o noso nacionalismo mantívose dentro de correctísimos limites. A xuízo do xeneral, España debía nacionalizar unicamente: a) as industrias para as que a primeira materia se obtén no noso territorio; b) as que dentro do ámbito nacional de consumo poden achar mercado suficiente de vida; c) as indispensables para asegurar a nosa independencia política nacional”.
Composición tema 16: O establecemento da II República (forzas políticas e constitución de 1931).
Os seguintes textos deben permitirche facer unha redacción sobre o establecemento da II República. Tendo en conta os documentos e a súa contextualización, debes atender cando menos ás circunstancias que permitiron a implantación do réxime republicano, á orientación política das principais forzas do momento e ás características máis destacadas da constitución de 1931.
Documento 1
“As eleccións celebradas o domingo revélanme claramente que non teño hoxe o amor do meu pobo. A miña conciencia dime que ese desvío non será definitivo, porque procurei sempre servir a España, posto o único afán no interese público ata nas máis críticas conxunturas. Un Rey pode equivocarse, e sen dúbida errei eu algunha vez (…). Son o Rey de todos os españois, e tamén un español. Acharía medios sobrados para manter as miñas rexias prerrogativas, en eficaz loita con quen as combate. Pero, resoltamente, quero apartarme de canto sexa lanzar a un compatriota contra outro en fratricida guerra civil. Non renuncio a ningún dos meus dereitos, porque máis que meus son depósito acumulado pola Historia, de cuxa custodia haberá de pedirme algún día conta rigorosa”.
Manifesto de Alfonso XIII á nación, publicado no xornal monárquico ABC o 14 de abril de 1931
Documento 2
|
PARTIDOS |
LÍDERES |
N.º DE ESCANOS |
|
Partido Socialista Obreiro Español |
Julián Besteiro |
115 |
|
Partido Republicano Radical |
Alejandro Lerroux |
90 |
|
Partido Radical Socialista |
Marcelino Domingo |
61 |
|
Esquerra Republicana de Cataluña |
Francesc Maciá |
29 |
|
Acción Republicana |
Manuel Azaña |
26 |
|
Dereita Liberal Republicana |
Niceto Alcalá-Zamora |
26 |
Principais resultados das eleccións do 28 de xuño de 1931.
Documento 3
“Artigo 1º. España é unha República democrática de traballadores de toda clase, que se organiza en réxime de Liberdade e de Xustiza. Os poderes de todos os seus órganos emanan do pobo. A República constitúe un Estado integral, compatible coa autonomía dos Municipios e as Rexións.
Art. 2º. Todos os españois son iguais ante a lei.
Art. 3º. O Estado español non ten relixión oficial”
Constitución de 1931
Composición Tema 17- As grandes reformas da II República
Os seguintes textos deben permitirche facer unha redacción sobre as grandes reformas da II República. Tendo en conta os documentos e a súa contextualización, debes atender cando menos aos ámbitos da vida política, social e económica que se pretendían reformar, os instrumentos legais utilizados e a evolución e resultados finais das devanditas reformas.
Documento 1
“A revolución política, é dicir, a expulsión da dinastía e a restauración das liberdades públicas, resolveu un problema específico de importancia capital, quen o dubida!, pero non fixo máis que suscitar e enunciar aqueloutros problemas que han de transformar o Estado e a sociedade españois ata a raíz. Estes problemas, ao meu curto entender, son principalmente tres: o problema das autonomías locais, o problema social na súa forma máis urxente e aguda, que é a reforma da propiedade, e este que chaman problema relixioso, e que é en rigor a implantación do laicismo do Estado con todas as súas inevitables e rigorosas consecuencias. Ningún destes problemas os inventou a República (...). Refírome a iso que chaman problema relixioso. A premisa deste problema, hoxe político, formúloa eu desta maneira: España deixou de ser católica”
Discurso de Manuel Azaña (13 de outubro de 1931)
Documento 2
“Base 5ª. Serán susceptibles de expropiación as terras incluídas nos seguintes apartados:
1º. As ofrecidas voluntariamente polos seus donos (...).
5º. As que polas circunstancias da súa adquisición, por non ser explotadas directamente polos adquirentes (...), deba presumirse que foron compradas con fins de especulación ou co único obxecto de percibir a súa renda.
6º. As que constituíron señoríos xurisdicionais (...).
7º. As incultas ou manifestamente mal cultivadas (...)”.
Lei de Bases da Reforma Agraria (1932)
Documento 3
Art. 1º. Cataluña constitúese en rexión autónoma dentro do Estado español, de acordo coa Constitución da República e o presente Estatuto. O seu organismo representativo é a Generalitat (...).
Art. 2º. O idioma catalán é, como o castelán, lingua oficial en Cataluña (...). Dentro do territorio catalán, os cidadáns, calquera que sexa a súa lingua materna, terán dereito a elixir o idioma oficial que prefiran nas súas relacións cos tribunais, autoridades e funcionarios de todas clases, tanto da Generalitat como da República (...)
Art. 11º. Corresponde á Generalitat a lexislación exclusiva en materia civil, excepto o disposto no artigo 15, número 1, da Constitución, e a administrativa que lle estea plenamente atribuída por este Estatuto”.
Estatuto de Autonomía de Cataluña - 21 de Setembro de 1932
Composición tema 18: A guerra civil: sublevación, bandos en conflito e dimensión internacional
Os seguintes textos deben permitirche facer unha redacción sobre a guerra civil española. Tendo en conta os documentos e a súa contextualización, debes atender cando menos ás circunstancias que propiciaron o seu inicio, a composición e evolución durante o conflito dos bandos enfrontados e a dimensión internacional que alcanzou a contenda.
Documento 1
“A situación de España é cada día máis crítica; a anarquía reina na maioría dos seus campos e vilas; autoridades presiden, cando non fomentan, as revoltas; a tiro de pistola e metralladoras dirímense as diferenzas entre os cidadáns (...), sen que os poderes públicos impoñan a paz e a xustiza. Folgas revolucionarias de toda clase paralizan a vida da Nación (...). A Constitución, por todos suspendida e vulnerada, sofre unha eclipse total: nin igualdade ante a lei, nin liberdade (...), nin unidade da patria, ameazada pola esgazadura territorial (...). É que podemos abandonar a España aos inimigos da patria, con proceder covarde e traidor, entregándoa sen loita e sen resistencia? Iso non! Que o fagan os traidores, pero non quen xurou defendela”.
Discurso radiofónico de Francisco Franco, 18 de xullo de 1936.
Documento 2
"O xeneral e oficiais que se lanzaron en armas fixérono contra o Estado español, representado por un Presidente da República, nomeado legalmente, e coa asistencia e aínda co voto de deputados de todos os partidos; por unha Cámara lexítima elixida sen fallo, durante o mando dun goberno oposto, duns partidos que resultaron triunfantes nas eleccións, e por un poder executivo constitucionalmente designado (...).
Toda rebelión descansa sobre un suposto de falsidade: o de aparentar crer que a gobernación do país está secuestrada por poder ilexítimos e que o triunfo do Estado traduciríase na implantación dun réxime político comunista (...). Por que o fixeron? Por que o fixeron? Simplemente trátase de substituír a vontade xeral do pobo enteiro pola dunha clase social desexosa de perpetuar os seus privilexios.(...)”.
Discurso do presidente das Cortes republicanas, Diego Martínez Barrio, 2 de agosto de 1936
Documento 3
“En España xa se formaron dúas frontes. Cunha están alemáns e italianos; con outra franceses, belgas e rusos. O Duce está de acordo con Hitler en opinar que a determinación das dúas frontes é xa un feito consumado. Italia apoiou e segue apoiando aos españois sen condicións (...). A nosa acción en España é unha proba efectiva da nosa participación na loita antibolxevique”.
Informe de Galeazzo Ciano, ministro italiano de Asuntos Exteriores, sobre a situación en España en 1937