2. O vagón de terceira clase (H. Daumier)

O Romanticismo, coa súa idealización da historia, da sociedade e da natureza, deixa paso trala revolución de 1848 ao Realismo, unha nova corrente que se interesa pola realidade. Pero o desencanto polos fracasos revolucionarios fai que a arte se concentre en temas sociais. A industrialización determinou a formación dunha numerosa poboación obreira amoreada nas cidades. Os artistas toman conciencia dos problemas sociais, como o traballo de nenos e mulleres, as xornadas laborais excesivas, as vivendas insalubres e cren que deben denunciar estas condicións laborais e de vida.

Daumier, agudo crítico e prestixioso caricaturista, debuxante e ilustrador, fíxase na sociedade e en determinados grupos sociais, poñéndose do lado dos desfavorecidos. Serviuse dos medios de comunicación masivos, como a prensa ou as revistas satíricas, para difundir a súa mensaxe política de maneira simultánea ao seu traballo pictórico.

Naqueles tempos os trens tiñan tres clases de vagóns. Os de primeira tiñan asentos como butacas, calefacción e poucos pasaxeiros nun compartimento pechado. Os de segunda tiñan asentos acolchados e tamén dispoñían de compartimento pechado pero con máis pasaxeiros. Os de terceira tiñan os asentos de madeira corridos e os vagóns non dispoñían nin de calefacción nin de departamentos, polo que alí se amoreaban todos os pasaxeiros e de toda condición. É fácil adiviñar que grupo social viaxaba en cada clase.

Nas obras de Daumier apréciase unha gran capacidade para captar a esencia da expresión facial humana e do xesto corporal. No seu tren non viaxan nin aristócratas nin burgueses en asentos de primeira clase, senón homes e mulleres tristes, todos eles silenciosos e mal vestidos. Realizada entre 1862 e 1864, esta litografía confirma a inclinación do pintor cara ás causas que promoven a igualdade. Esta obra realista e de denuncia social, reflicte moi ben o cansazo da clase traballadora. Algo que queda patente no neno durmido.

A natureza grotesca nos trazos dos seus personaxes, é unha característica desenvolta a través da súa condición de eximio caricaturista pero tamén o resultado da súa gran admiración pola obra de Goya.

Entre os pasaxeiros do tren podemos observar en primeiro plano e no centro, estratexicamente situado na parte inferior da tea, o raparigo de clase popular durmindo. Á súa esquerda, un home coas mans apoiadas sobre o seu bastón e o chapeu ao seu lado, medita nun xesto de fatiga que pode significar resignación ou indolencia. Á dereita do raparigo, o home cun xesto altaneiro que leva bombín, coa vista posta en algo máis alto, parece soportar a situación de homoxeneidade que lle impón o vagón con arrogancia.

Nos asentos de detrás, o resto da pasaxe convive sen apenas observarse: un home de chapeu de copa mira con entusiasmo a paisaxe de fóra, o mesmo que a muller que se acha fronte a el pero sen establecer un diálogo entre ambos. A outra muller da escena tampouco parece interesada máis que nos seus propios pensamentos. Ao fondo da escena, á dereita, un ancián cos ollos pechados cedeu ao cansazo. Apréciase un gran silencio. É o reino da colectividade anónima, o espazo da indiferenza. O novo mundo industrial é así de inhumano. Os homes amoreanse como cousas e non elixen a súa compañía. sentan á beira doutros, xustapoñéndose, míranse pero non se din nada. Cada unha das figuras está individualizada, e destacan os seus xestos e expresións, entre os que abundan o aburrimento e o fastío.

O trazo contundente e dinámico, os contrastes pronunciados e o poder de síntese de Daumier, deixan claro o porqué da admiración que máis tarde espertou en moitos expresionistas. A obra mide 23 x 33 e pertence á colección Oskar Reinhart en Winterthur (Suíza).

Última modificación: luns, 2 de decembro de 2019, 11:30 PM