Ir ao contido principal
AulaVirtual
  • Inicio
  • Calendario
  • Máis
Neste momento está usando o acceso para convidados
Acceder
AulaVirtual
Inicio Calendario
Expandir todo Contraer todo
  1. Taboleiro
  2. HªMC1BACH
  3. T8. A revolución rusa e a URSS
  4. Comenta un cartel

Comenta un cartel

Requisitos do completado
Abertas: domingo, 9 de febreiro de 2020, 12:00 AM
Pendente: mércores, 19 de febreiro de 2020, 12:00 AM

Tendo en conta as pautas para comentar un cartel da tarefa anterior, escolle dous carteis de propaganda comunista e fai un comentario comparado. Podes empregar a seguinte guía de traballo (a continuación dos carteis tes unha breve explicación dos trazos da propaganda comunista que pode axudarche para facer o teu comentario):

GUÍA DE TRABALLO

1. Presentación das obras

  • Tipo. Que tipo de imaxe representan os carteis de propaganda?

  • Cronoloxía e contexto histórico. Cando foron realizados? Que sucedía en Rusia nesas datas?

  • Tema. Indica o título das obras e explica que tema representan. Quen cres que as encargou?

3. Interpretación da mensaxe.

  • Intencionalidade. Que mensaxe quere transmitir cada cartel? Que recursos utiliza cada un para conseguilo?

  • Valoración. Cal dos dous carteis che parece máis efectivo para o obxectivo proposto? Por que? Cal che gustou máis? Razóao.

2. Descrición e comparación.

  • Descrición das imaxes. Que diferenzas de estilo podes observar? Explica que se representa en cada unha delas.

  • Simboloxía. Que personaxes, formas ou símbolos aparecen?

  • Que cores predominan? Son as mesmas? Pódeselles atribuír algún significado a estas cores? Cal?

4. Creatividade persoal

Imaxina que es un artista ruso que debes elaborar un cartel para:

  • Celebrar a vitoria do Exército Vermello.

  • Conmemorar a revolución de outubro.

  • O aniversario da morte de Lenin...

Pensa que mensaxe quererías transmitir, que estilo elixirías e que elementos, cores e lemas utilizarías. Despois fai un bosquexo de como sería o teu cartel.

Poder para os soviets, pan e paz para o pobo!

Para ter máis debemos producir máis, para producir máis debemos saber máis

Marx_Lenin_sen teoría revolucionaria non hai revolución

Se non les libros esquecerás a gramática.

A cuña vermella_no corazón_branco_Lissitzky_Guerra_Civil.

Cooperativas de consumidores apoian ao exército vermello.

O camarada Lenin barrendo a escoura do mundo_Anos 20

revolución_rusa_1917_Lenin

Cultura. 1920

Libros, coñecemento en todos os campos, 1924.

O traballo é esencial. O fusil está preto. Guerra civil.

Ven con nós á granxa colectiva. camarada. Anos 30.

Un_analfabeto_é_coma_un_home_cego_Anos 20

Campaña_contra_o_alcoholismo

Proletarios do mundo, unídevos.

O Moscú vermello é o corazón da revolución mundial

A PROPAGANDA COMUNISTA

Os carteis propagandísticos comunistas caracterízanse por uns deseños sinxelos pero de natureza impactante, recorrendo a proclamas breves e combativas comprensibles para as clases populares, actores clave no movemento revolucionario. Neles represéntase o poder do pobo, sendo protagonizados por campesiños e obreiros, así como polo Exército Vermello. Os atributos máis recorrentes nos mesmos son os inherentes ao campesiñado, como a fouce, o martelo, a aixada e o arado, facendo un chamamento ao empoderamento das clases baixas e a loita contra a burguesía internacional. Os temas máis recorrentes na cartelería da Rusia soviética son a Guerra Civil entre o Exército Vermello e o Branco, a loita contra a burguesía dentro e fóra das súas fronteiras, a propaganda antirrelixiosa e aqueles problemas máis perentorios para o pobo: fame, analfabetismo, pobreza e caos. Na cartelería obsérvanse dúas grandes vertentes temáticas, unha enfocada cara á consecución dun futuro esperanzador para o país e outra centrada no chamamento do pobo á loita obreira. En ambas as vertentes pode observarse unha latente simboloxía. O vermello é a cor predominante, unha alusión ao sangue derramado na loita polos dereitos do pobo desde o Domingo Sanguento e durante os anos de revolución proletaria. A bandeira vermella é tamén un elemento reiterado nos carteis. Ademais poden observarse outros elementos simbólicos comúns, como son as cadeas como metáfora da opresión por parte do poder e o sol como referencia a un futuro radiante e esperanzador.

Os carteis revolucionarios ademais dun medio de comunicación fundamental no movemento comunista estreitamente ligado ao desenvolvemento da súa historia, tamén son unha expresión artística que dista das manifestacións tradicionais. Estas pezas artísticas parten dunha estética popular e nútrense das vangardas rusas e de influencias modernistas para crear composicións impactantes que cheguen a todo o público e que consigan xerar sentimentos de irmandamento e rebelión. O auxe da cartelería como instrumento propagandístico foi favorecido pola posta en marcha da Axencia Telegráfica Rusa ( ROSTA) con sede en Moscova e delegacións en cidades como Petrogrado – na actualidade San Petersburgo-. A súa metodoloxía consistía en compoñer mensaxes baseadas nunha transmisión telegráfica con directrices políticas e darllos a un artista para que interpretase ditos lemas visualmente. Aínda que na súa orixe esta expresión artística é concibida como instrumento de propaganda tsarista de exaltación do imperialismo e cunha intencionalidade belicista favorable á súa intervención na I Guerra Mundial, os revolucionarios danse conta do seu poder para chegar a todo tipo de público, incluído unha ampla porcentaxe de poboación analfabeta e comezan a usar a cartelería ao seu favor. Na produción artística dos carteis revolucionarios toman parte algúns artistas destacados da época, representantes das vangardas que acollen con entusiasmo a Revolución de Outubro como Kozlinski, Lébedev ou Kochergin, que puxeron o seu acento persoal sobre a base das proclamas revolucionarias, creando composicións anovadoras e vangardistas que potenciaban a mensaxe comunista. Os artistas viron no cartelismo revolucionario un medio de expresión artística e experimentación creativa, creando algunhas obras que forman xa parte da historia e a cultura rusas.



Neste momento está usando o acceso para convidados (Acceder)
Resumo da retención de datos
Políticas
Obter a apli móbil
Fornecido por Moodle